Nin sequera lembra cando comezou a pintar, pero si conserva o primeiro diploma que gañou nun concurso de pintura aos cinco anos e a imaxe do seu pai, un “grandísimo artista”, pintando con ela durante a súa infancia. Desde entón, Yovana Fandiño (Cangas do Morrazo, 1991) nunca deixou de crear, e converteu a caracterización e o body paint nunha das súas grandes paixóns que a levou a situarse entre os vinte mellores make up artist nos NYX Spain Face Awards de 2019. Para MARTES Galicia e o noso “Nadal marciano” recreou en exclusiva un personaxe de Toy Story, que se sumará aos impresionantes traballos que colga cada semana no seu instagram @yoviyellow

Como foron os teus inicios?

Sempre me gustou moito crear e pintar, supoño que é algo innato, pinto desde pequeniña. Creo que herdei do meu pai esta paixón e dalgunha forma sinto que está comigo cando pinto. Logo, no colexio, estaba moi perdida; sentía que todo o mundo tiña o seu camiño e eu non sabía que facer co meu, só tiña claro que me gustaba pintar, pero non sabía como enfocalo. Isto levoume a desinteresarme polos estudos e a volverme un pouco rebelde, ata que con 16 anos, e despois de repetir algún curso, deixei o instituto en 3.º da ESO para ir facer un ciclo medio de Estética en Bueu, pero sen ningún interese nin esperanzas de que iso saíse ben. Alí atopeime coa materia de Maquillaxe e todo empezou a cambiar. Cada vez tiña máis claro que era a iso ao que quería dedicarme, e comecei a sacar moi boas notas e a sentirme moito máis feliz.

E como te formaches?

Despois de terminar Estética, estudei Caracterización Audiovisual en Vigo e fun inmensamente afortunada porque me encantaba. Saquei as mellores notas que xamais tivera e sentía que ese era o meu camiño, pero foi moi complicado para min porque en Galicia non existe ese ciclo público, así que tiven que facelo nunha escola privada, o que me obrigou a pedir un crédito e o último ano xa non puiden pagar a última cota da escola nin facer as prácticas, así que a día de hoxe non teño o título. Foi un pau moi grande para min, aínda que non me rendín e, como a pintura tamén me gustaba moito e era algo que tiña pendente, saquei a ESO e matriculeime en Bacharelato Artístico, que foi unha experiencia incrible, coa que aprendín moitísimo e fun súper feliz. Ao acabar, saquei con boa media a selectividade e, aínda que a miña idea inicial era facer Belas Artes, deume medo que non tivese saída e terminei matriculándome nun ciclo superior de Patronaxe e Moda. Foi un erro enorme, así que agora mesmo traballo de esteticista, pero teño claro que o que quero é matricularme en Belas Artes e tentareino o próximo ano.

Dedícaste exclusivamente á maquillaxe profesional e a pintar ou compaxínalo?

Oxalá puidese, pero de momento non. Fago retratos por encargo, de cando en vez pinto algún mural… Síntome moi afortunada cada vez que me contratan para pintar na rúa, nalgún negocio ou en casas particulares, porque despois pasa o tempo e véxoos alí e é unha sensación xenial. No campo da maquillaxe, o que máis me encargan son traballos de belly painting, pintar barriguiñas de embarazadas para sesións de fotos, e en épocas de Halloween ou no Entroido sempre hai un pouquiño máis de demanda para facer maquillaxes artísticas, pero o resto do ano nada; como moito, algunha maquillaxe para algunha voda ou evento especial, pouco máis. Así que, de momento e aínda que me encantaría, é imposible vivir só diso, porque non é nada estable.

Como foi a experiencia nos concursos?

Só me presentei aos NYX Spain face Awards no ano 2019. Creei a miña personaxe e fixemos un vídeo precioso coa axuda de Sergio Otero, que me gravou e editou, e de Alía Páramos que sacou as fotos. É un concurso ao que se presentan miles de maquilladores de toda España e non contaba nin de broma con pasar de fase, así que non podía crer ver o meu nome no top 30. Ese día chorei moitísimo! Só quedaba seguir traballando e crear un novo vídeo para a seguinte fase do concurso, de novo coa axuda de Sergio e de Alía, e quedei entre as 20 mellores maquilladores de España, polo que non podo estar máis feliz. Este ano tiña todo listo para poder presentarme de novo, pero pola situación actual da pandemia non se realizou e tiven que gardar a miña idea para o ano que vén.

Que lembras dos teus primeiros traballos?

Eran bastante cutres. Eu non tiña cámara de fotos nin focos nin nada, así que facía vídeos coa cámara web do portátil e logo editábaos a cámara súper rápida, utilizaba a luz que entraba pola xanela e o resultado visual era bastante malo. Quizais a maquillaxe non estaba tan mal, pero obviamente faltaba moito por aprender. Con todo, aínda que sexan cutres non os borrei e seguen no perfil de Instagram porque lles teño un agarimo especial. O primeiro que gravei foi o do Jocker un día na casa e tivo unha acollida tan boa que me motivou moito a seguir, e así foi como decidín dedicar a conta @yoviyellow só a iso. De cada traballo aprendo algo e, no seguinte que fago, sempre tento facelo mellor. Ademais, pouco a pouco fun adquirindo equipo, e agora teño unha cámara, uns cantos focos, un aro de luz e varios fondos para poder cambiar, porque ao final un bo traballo ten que ir acompañado dunha boa imaxe ou non será o mesmo.

Pintas a outros ou só a ti?

Podo pintar a outros, pero o tipo de maquillaxe que eu ensino nas miñas redes non é algo que ninguén faga para saír á rúa e leva unha chea de horas, así que se é só para subir unha foto a Instagram prefiro facelo en min mesma. Moita xente ofréceseme para ser modelo, pero todo o material e o tempo é bastante caro e, se alguén quixera unha maquillaxe deste estilo tería que pagala, e iso xa non adoita gustar tanto! Ademais, aguantar tantas horas sen moverse é complicado. De todos os xeitos, si que de cando en vez me saen traballos moi guais, aínda que máis sinxelos, porque eu fago maquillaxe de todo tipo e sempre estou encantada de poder traballar.

En que te inspiraches á hora de facer unha maquillaxe de creación propia?

A maioría dos meus traballos están inspirados en películas, series ou videoxogos que me gustan ou que marcasen algunha época da miña vida. Gústame facer tanto recreacións de personaxes (cospaint) coma fantasías inspiradas nas propias películas. Tamén hai outro tipo de traballos inspirados en lugares ou celebracións, como o Entroido de Venecia, entre outros. Entón, penso o que quero representar e busco unha idea de foto e maquillaxe. Pero normalmente, cando se trata de creacións propias sen que faga a recreación de ningún personaxe en concreto, o que adoito facer é coller texturas, estampados ou elementos que teñan que ver co que quero representar e, a partir de aí, creo un bosquexo para comprobar se funciona ou non.

Cal foi a túa caracterización máis difícil?

A personaxe máis difícil a nivel de caracterización foi, sen dúbida, a de Frida Kahlo na película Coco. Con esa maquillaxe estiven moitísimas horas. Tamén teñen moita dificultade as de Voldemort e Demogorgon, pero foi máis o traballo de semanas creando a prótese que o da maquillaxe en si.

E o que máis che gustou facer?

Voldemort! Non teño nin que pensalo, encantoume crealo porque eu son moi fan de Harry Potter e o proceso de creación da prótese desde o modelado ata a reprodución goceino moitísimo. Ademais, foi moi satisfactorio porque ao principio temía que non quedase ben, pero ao final o resultado gustoume moito.

Como é a resposta dos que te seguen en Internet?

Por norma xeral, todo o mundo me di cousas moi bonitas e eu síntome súper orgullosa e afortunada da comunidade que teño en Instagram. É xente que admira e valora o traballo e todas as súas palabras son as que me animan a seguir creando, aínda que son a primeira a quen lle gusta oír as críticas sempre que sexan construtivas, porque creo que todo se pode mellorar.

E cal foi a caracterización que máis interese xerou?

Sorprendentemente para min, a de Frida Kahlo. Era unha maquillaxe pola que eu non daba un peso e, de feito, estiven a piques de non subila, pero ao final decidinme a facelo e á xente encantoulle; non o esperaba para nada. Fixen varios reels interpretando cancións da película e foi súper ben, a verdade. O de Demogorgon tamén tivo un impacto forte, supoño que entre eses dous está a resposta.

Canto tempo de media leva unha caracterización?

Depende moito do que vaia facer. Teño personaxes de 5 ou 6 horas e outras que me levan 14 ou 15. Polo xeral, é moito tempo. Necesito un día enteiro para crear unha maquillaxe, e é por iso polo que normalmente o fago nas fin de semana. Ao tempo de creación en si, hai que sumarlle o da preparación, pensar na foto que quero, facer bosquexos, crear atrezzo se é necesario e, despois da maquillaxe, veñen as horas de edición. En definitiva, que detrás de cada foto hai moito traballo. De feito, ás veces fago algún IGTV con procesos completos de creación da personaxe para que se vexa o traballo que supón.

E quitar a pintura?

A que eu utilizo xeralmente é á auga e, polo tanto, cunha ducha vaise, non dá maiores problemas. O que eu fago é quitar primeiro o tapado das cellas fregando amodo con aceite de coco, despois quito a maquillaxe dos ollos e dos beizos con discos de algodón e cun produto específico para a zona e, a seguir, vou directa para a ducha. Non tardo máis duns 15 minutos.

Ten saída en Galicia como traballo?

Desgraciadamente non. Desde o principio tiven moi claro que, se quería dedicarme á caracterización profesionalmente, tería que irme de Galicia. Cada vez máis, no cinema, a maquillaxe dixital cómenos terreo aos maquilladores e maquilladoras e xa apenas se utilizan efectos especiais a través da maquillaxe, porque coa tecnoloxía hoxe en día pódese conseguir calquera tipo de efecto, sen necesidade de caracterización e/ou FX. Aínda que, de todos os xeitos, estou segura de que en cidades coma Barcelona ou Madrid tería moitas máis opcións de traballo.

Cal é o teu obxectivo? Que che gustaría facer?

En principio, quería ser maquilladora de cinema, pero entendo que iso é moi difícil, así que estou a traballar no plan B, que é poder estudar a carreira de Belas Artes, sacar o mestrado de profesorado e as oposicións para poder ser profesora de Artes. É unha das poucas formas que vexo de poder vivir do que máis me gusta, que é a arte, dunha forma estable e cun soldo todos os meses. Á parte, ser profesora supoñería estar en continua formación e a min iso encántame. Pero sen deixar de lado o meu soño, a miña idea é seguir creando a miña arte para quen queira vela e loitar por poder vivir dela algún día.

NADAL MARCIANO

“Quería que tivese que ver cos planetas e coa astronomía, pero tamén que pegase comigo e co meu perfil, así que me decantei pola película Toy Story, xa que me inspiro moito nos personaxes de Disney para facer as caracterizacións”. Para a portada, Yovanna centrouse nas aventuras de Buzz Lightyear, o astronauta máis famoso de Disney Pixar, un clásico da carteleira do Nadal, e elixiu un dos marcianiños do filme. “Apetecíame moito facelo e creo que é o máis vistoso e o que mellor resume todo o que queriamos”. Unha caracterización realizada ex professo para MARTES Galicia en 13 horas de traballo, entre deseño, preparación e maquillaxe.

Texto: Ana Iglesias // Fotografía e vídeo: Yovana Fandiño