Lembrar o pasado para gozar mellor do presente. Esta é a base sobre a que se asenta un dos libros chamados a ser indispensables para quen quere coñecer a historia e a intrahistoria da Coruña, a cidade na que naceron os seus autores, a fotógrafa Carmen Martínez Torrón e Xosé Castro, responsable dos relatos breves que acompañan cada imaxe, enriquecéndoas con curiosidades e datos persoais e históricos.

A Coruña, pasado e presente é, ante todo, a declaración de amor de Carmen Martínez Torrón e Xosé Castro á súa cidade a través dunha curiosa colección de imaxes, que son o resultado de superpoñer fotos antigas sobre localizacións actuais, e unha serie de textos que as acompañan narrando historias da cidade e das persoas que aparecen nelas con curiosidades e anécdotas, “para entender mellor os lugares e a xente retratada”.

A orixe do proxecto, tal e como ambos lembran, foi unha foto antiga do desembarco de Normandía durante a Segunda Guerra Mundial, publicada por The Huffington Post xunto a outra actual na mesma praia chea de xente tomando o sol. Esa idea de utilizar o mesmo lugar e de reflectir o paso do tempo inspirou a Carmen a buscar fotos no seu álbum familiar e a fotografar os mesmos lugares que aparecían nelas. “A primeira fíxena en 2015, utilizando unha na que apareciamos o meu irmán e eu de nenos nos xardíns de Méndez Núñez. A partir de aí comecei a facer outras do mesmo estilo, un pouco a modo de afección, e a colgalas puntualmente na miña conta de Instagram”.

A acollida non podía ser mellor, con moitos comentarios positivos e co interese da responsable de Edicións Hércules para facer un libro, e de familiares e amigos que contribuíron a enriquecelo cedendo as súas fotos e os seus propios recordos e anécdotas. “Eu falo moito, pero non me gusta escribir”, confesa sorrindo Carmen, quen compartiu este proxecto co seu mellor amigo, Xosé Castro, guionista e redactor creativo establecido en Madrid, “que escribe fenomenal e fixo un traballo incrible de hemeroteca e recompilación de datos e historias”.

O resultado é un libro feito “con moito agarimo, coidado e responsabilidade”, di Castro, orgulloso da súa cidade e para quen o mellor foron “as historias persoais que se narran”, pero tamén “o poder refrescar a propia historia da cidade e contar como foi cambiando, dando un recordo positivo, e honrar a coruñeses famosos”.

Un proxecto que, a pesar de estar centrado só na capital herculina, é seguro que lles gustará tamén aos de fóra porque, como ben lembran os seus autores, “no fondo o que se reflicte é a evolución dunha cidade e dos seus costumes, e iso sucedeu en todas partes”.

Mentres que Xosé confesa que descubriu moitas cousas novas sobre a historia máis antiga da cidade facendo o proxecto, Carmen, autora dalgunhas das imaxes máis espectaculares da capital herculina que circulan polas redes, tivo a oportunidade de volver inmortalizar moitos dos seus recunchos preferidos. “Non quería que parecese un álbum familiar meu e moitos amigos achegaron fotos coas que é fácil sentirse un pouco identificados, como a dos cabaliños no parque, as merendas na Torre de Hércules… Moitos temos fotos parecidas, así que dalgunha forma o libro resulta familiar e, ademais, quen o lea aprenderá algo da historia da cidade que non sabía”, afirma Carmen, cuxo obxectivo preferido para inmortalizar coa súa cámara é “o emblema coruñés”, a Torre de Hércules. “Está aí hai moitos anos e todos os que pensan na cidade pensan nela. Se falase, contaría moitas historias da vida de moita xente. Para os que somos de aquí é como un familiar máis, sempre nos acompañou”.

Por iso, non é difícil adiviñar que o faro centenario encabeza a súa lista de recomendacións, seguido por percorrer o paseo marítimo, sentar na Mariña para tomar un café e ver o ambiente, pasear pola rúa Real, “aínda que agora estea un pouco en tempos baixos”, ver a posta de sol sentada na praia do Orzán e observar a vida da Coruña e das súas xentes desde a glorieta das Escravas. Pero tamén, di, “sentar no peirao dos transatlánticos para ver como chega a xente e alucina coas galerías”, unha das súas “grandes afeccións”.

Co proxecto aberto a unha segunda publicación, para a que xa lles están a chegar fotos de arquivos familiares, Carmen Martínez e Xosé Castro farán unha nova sinatura de libros o próximo día 27 de decembro na librería Maow Design para o Nadal. Un agasallo perfecto para descubrir (ou redescubrir) a cidade.

Carmen Martínez Torrón (@superkarmen), licenciada en Socioloxía e fotógrafa. Publicou en medios como The Telegraph, The Huffington Post, Forbes ou El País, entre outros.

Xosé Castro (@xosecastro), tradutor de inglés, corrector, guionista, redactor e fotógrafo. Colaborador en No es un día cualquiera, de RNE, e responsable da calidade lingüística de Netflix España e Portugal.