Tendo en conta que lle gusta escribir (e faino) desde a infancia, que é lector constante e de consumo diario e que traballa rodeado de libros e en liña directa con editoriais e escritores, non resulta demasiado estraño que Xacobe Pato (@xpgigirey) acabase publicando un libro, senón todo o contrario. Aínda que quizais si sexa máis curioso que a súa primeira toma de contacto cos lectores fose a través dos seus diarios publicados semanalmente en Instagram e que unha das editoras con máis prestixio do país, Belén Bermejo, fose quen lle pedise a el traballar xuntos. Así nace Seré feliz mañana, un libro de lectura adictiva cheo de referencias ao mundo que nos tocou vivir, con grandes doses de tenrura e humor e de todos os ingredientes necesarios para quedar a vivir na nosa mesa de noite. 

 

Antes de publicar Seré feliz mañana e de converterse nun dos escritores do momento (máis de sesenta entrevistas nunha semana e unha terceira edición ao mes e medio do seu lanzamento), Xacobe Pato estudou Políticas e empezou a traballar na librería Cronopios de Santiago, e levaba un par de anos escribindo un diario en Instagram, onde o seguían máis de 16.000 persoas. Comezou a facelo como un exercicio de escritura, “para obrigarme a facelo, xa que os meus amigos escritores dicíanme que por moito que lese non ía aprender o oficio se non escribía”, e tamén para dar a coñecer o seu traballo “porque vía o difícil que era publicar e que a xente che fixese caso. Hai moitos libros marabillosos que pasan desapercibidos porque os seus autores son descoñecidos”.

E pensou en Instagram, convencido de que era un bo método para “chegar ao lector potencial e poñerllo fácil, xa que é unha rede que che permite ir lendo en calquera momento”, explica Xacobe, que fala tamén de similitudes co negocio da música, onde as bandas soben os seus traballos ás plataformas antes de editaren os seus discos, sen paso previo polas discográficas coas súas maquetas debaixo do brazo.

Así nacen os diarios que @xpgigirey colga en Instagram os domingos, a orixe do libro, e dos que aclara que “é verdade todo o que conto, aínda que cun pouco de literatura engadida”.

 

Ver esta publicación en Instagram

 

Una publicación compartida de Xacobe Pato Gigirey (@xpgigirey)

“Pola semana van pasando cousas que vou apuntando nunha libreta e no móbil e, despois, un día ou dous á semana, sento ante o computador e paso esas ideas en sucio a limpo, ordénoas, desenvólvoas…, pero todo o que escribo ocorreu, escoiteino ou lino, aínda que despois, para facelo máis atractivo, eu ás veces esaxere un pouco ou meta algo que non aconteceu. É unha especie de pacto cos lectores que creo que entenden perfectamente”.

O que si é 100 % verdade é que Xacobe Pato escribía de pequeno un diario que lle regalaron os seus pais aos sete anos e que continuou facéndoo de forma intermitente ata os vinte e pico.

Namorado deste xénero, sinala que “o diario é tan libre que che permite introducir calquera cousa nel. Podes meter algo que che pasou, pero se non ocorreu nada ou non queres contar a verdade, podes tirar dalgunha reflexión que tes na cabeza, falar de algo que liches ou que che contaron, ou simplemente comentar un recordo que che veu á mente. Ademais, eu falo do pasado, pero tamén do futuro, das cousas que imaxino que sucederán, e con esa liberdade podes xogar de mil maneiras”.

“É o bo que teñen os diarios”, engade, “que non sabes moi ben o que vas atopar. Como a vida mesma, nunca sabes o que vén… e iso gústame que se traslade ao diario”.

E engade algunhas vantaxes das redes sociais para o xénero, convencido de que “en Twitter hai xente que escribe diarios sen ser moi consciente de que o fai, e encántame porque escriben dunha forma moi desprexuizada e sen ningún tipo de pretensións. Lanzas cousas que pensas ou que che pasan da mesma forma que antes o escribías nun caderno, e paréceme que é moi interesante”.

Sobre os personaxes que o acompañan, Xacobe explica que “desde o principio se mesturou un pouco o feito de que eu fose escribindo cos comentarios da xente da miña ao redor, e que logo eu plasmaba nas seguintes semanas, o que orixinou unha especie de diálogo cos personaxes, só que estes se me rebelan”, e recoñece que, “aínda que houbo pouco enfado polo narrado, si houbo decepción por non aparecer neles e algún que outro reproche.

Neste sentido, confesa que “o que máis me preocupa á hora de escribir é o trato que lles dou aos que están preto, porque cando escribes de ti mesmo tamén o fas da xente que orbita ao teu redor. Non queres ferir a ninguén, pero entendo que iso, ás veces, en literatura, é difícil, porque é como que estás máis comprometido coas persoas que co texto”, e recoñece que o seu límite son “as lealdades persoais”. “Probablemente o lector quixese saber máis dalgúns personaxes, do que lles pasou logo comigo e que eu non conto…”, admite. “É un equilibrio complicado” e advirte sorrindo que “os personaxes se rebelan ata na imaxe que ti tes deles, porque ninguén se ve da mesma forma que o ven os demais”.

 

Ver esta publicación en Instagram

 

Una publicación compartida de Xacobe Pato Gigirey (@xpgigirey)

Quizais por iso, nos seus diarios de Instagram os seus personaxes aparecen só con iniciais, algo que decidiu tamén manter no libro “para crear un pouco de misterio; que fosen ambiguos e non estivesen condicionados por un nome. De feito, ás veces nin sequera se sabe se estou a falar dun home ou dunha muller, e iso paréceme interesante. Ademais, só falo de momentos concretos da vida das persoas nas que eu estou presente, sen querer facer un retrato do personaxe”.

Afeccionado ao xénero do diario e admirador de escritores que o practican como Andrés Trapiello ou Elvira Lindo, Pato recoñece que “a miña vocación primeira é imitalos, aínda que logo o fixera diferente porque aplico as miñas experiencias, os meus prexuízos ou a miña sensibilidade. Pero sempre que empezas algo partes dalgún sitio, e para min os seus libros son o referente. E malia que eu uso unha ferramenta para darme a coñecer e conseguir lectores sen o filtro das editoriais, que é Instagram, eu creo que a miña intención sempre foi que logo estivesen en papel. Igual non o quería recoñecer moito, pero creo que sempre estivo na miña cabeza o poder publicar”.

Unha aventura literaria que empeza cun correo electrónico de Belén Bermejo, unha persoa moi querida no sector editorial e cultural, falecida a finais do pasado mes de xuño, no que lle dicía que quería ser a súa editora e que estaba aberta ao que el quixese escribir. “Só puiden traballar con ela os primeiros meses”, laméntase Xacobe, que desde o principio tiña claro que o que quería era pasar os seus diarios das redes ao formato libro, “porque eu son moi lector dese xénero”, aínda que confesa que “o transvasamento foi complicado”. 

“Había cousas que non sabía como expolas á hora de reescribilas. Por exemplo, preocupoume que houbese opinións e detalles de 2018 que xa non tiñan que ver comigo agora, aínda que decidín que tiña que mantelo tal cal o escribía porque, se non, era como facerlles trampas aos lectores e a min mesmo, pero foi unha das cousas que máis me custou. Tamén me preocupaba que fose un pouco repetitivo ou recargado á hora de lelo todo de corrido, pero creo que, como cambio bastante de rexistro, faise ameno e, ao quitarlle a distribución e separalo só por meses, é máis fluído”.

A relectura tamén foi para o seu autor  “unha sorpresa, porque volvín ler cousas que non me acordaba escribilas… nin vivir!, así que me teño que fiar da miña propia palabra” (ri), e confesa que ás veces lle gusta escribir “cousas que me pasan, pero só para min, para non esquecelas, para gardalas dalgunha forma, sen intención de publicalas”.

Un caderno que vai en paralelo e no que non conta cousas do seu día a día, “só as importantes, para perderme nesas sensacións”. Textos que forman “unha especie de diarios moi intensiños”, di Xacobe, quen ao relerse se ve como “unha persoa que recrea momentos que viviu. Non lendo e imaxinando, senón lembrando”.

Sobre o cambio a outro xénero, Xacobe Pato nin pensa niso, polo menos de momento. “Escribir neste formato permíteme vivir como máis cara a fóra. Agora moitas veces fíxome no que me din e no que pasa para ver que podo sacar no diario. Vives dunha forma máis intensa e máis divertida. Estou enganchado á idea do diario, síntome moi cómodo nel”, e recoñece, ademais, que “tampouco teño tempo para escribir doutra forma. Coa miña forma de vida, a escritura fragmentaria é perfecta. Escribir á esculca do gran de millo ten moito que ver coa miña vida”. E confesa, mesmo, que ás veces lle custa facelo e esfórzase por ter unha constancia. “Teño que obrigarme, porque algúns días non sinto a necesidade de facelo. É como practicar deporte; gústame, pero dáme preguiza, e logo séntame ben. Libérame”.

A pesar de dar moitas referencias de música, libros, lugares…, Xacobe Pato asegura non sentirse un prescritor. “Recomendar xérame unha sensación difícil, porque cada un ten os seus gustos. Pero cando falo sobre libros, películas ou series, fágoo simplemente desde a posición de que a min me gusta; non o fago para convencer a ninguén, senón só para facer a miña propia reflexión sobre o que eu consumo. Non me sinto prescritor, pero gústame falar moito das cousas que me causan entusiasmo e, aínda que quizais sexa unha forma de recomendar de forma indirecta, eu non o fago con esa intención”.

Traballar nunha librería sendo escritor fai que pulse continuamente o interese do libro, ver “por onde van os tiros” e admite un certo temor pola dualidade de ser o autor dun libro exposto ao comentario dos lectores e manterse en primeira liña. “Pero hai que quitarlle ferro ao que pensen dun”, di, “e, aínda que hai comentarios que poden ferir, hai que tomalo con certa distancia”. Neste sentido e sobre as críticas que poida recibir, Xacobe pensa que “dicir que está ben escrito é non dicir nada. O que importa é que a un lle chegue, e iso depende de moitos factores”.

Pero si está convencido de que “os bos libros non teñen data de caducidade, aínda que ás veces o pareza porque os cambiamos constantemente de sitio nas librerías. Pero é só por como está montado o sistema editorial. Con todo, os bos libros sempre están vixentes e emocionan a xeracións diferentes. Son libros que gustan e que volves ler un tempo despois coa mesma emoción”.

Do seu, unha das cousas que máis lle comprace é que “o len moitos tipos de persoas”, sobre todo co cambio de Instagram a papel, algo que lle deu a oportunidade de chegar a un novo tipo de lectores que non usan as redes. Ademais, Xacobe insiste en que Seré feliz mañana, como bo diario, “non está escrito para ningún público obxectivo concreto, e iso permite a liberdade de escribir para todo o mundo”.

E á hora de recomendalo teno claro. “Diría: le as primeiras páxinas sen prexuízos e, se che gusta, lévao para a casa”.

Libros de cabeceira

 

Texto: Ana Iglesias // Fotografía: Bea Barros // Vídeo: Sabela Freire