Si se lle pregunta á rexedora de Trazo, Fina Suárez, polos encantos da vila, a súa resposta vai ser moi clara: “todo Trazo é natureza, en calquera parroquia hai recunchos dignos de ver e sobre todo de vivir”. O concello, xunto a outros municipios, está a loitar para que sexa recoñecida unha ruta histórica do Camiño Inglés. Unha das vertentes partiría da Coruña pasando por Arteixo, A Laracha, Cerceda, Tordoia e Trazo, e entraría en Santiago pola Peregrina. Outra sairía de Bergantiños, e percorrería Sofán, Caldelo e Aldemunde e uniríase coa primeira en Tordoia. Unha terceira tería a orixe en Ferrol e continuaría por Pontedeume, Betanzos, Abegondo, Mesón do Vento e Cerceda. Dende logo, o feito de que nun futuro se chegue a distinguir suporá para o municipio un recurso turístico de primeira magnitude. 

Namentres, Trazo pode presumir de ter unha das áreas de lecer máis famosas da comarca ordense: a Carballeira de Chaián. Bañada polo río Tambre, supón un recuncho idóneo para os amantes da natureza, que poderán resgardarse á sombra da frondosa vexetación de carballos, ameneiros e castiñeiros. É o lugar ideal para practicar deporte ou simplemente para pasear e empaparse da paisaxe. Fóra deste recuncho idílico, o municipio agocha moitos máis dignos de ser visitados. A natureza asoma tamén na Cova dos Mouros, situada na parroquia de Monzo; no mirador da Medorra, ubicado na parroquia de Campo e dende onde hai unhas espectaculares vistas que chegan ata Compostela nos días máis despexados. A ponte Albar supón un pintoresco lugar libre de pesca, e tampouco hai que esquecer a chamada pedra faladora, que debe o seu nome ao efecto de resonancia que se produce ao estar situada nunha zona alta.  De feito os máis deportistas sempre poderán desfrutar do aire libre e das vistas aventurándose a realizar algunha das rutas de sendeirismo como a que arranca no Monte Pedroso ou a da propia carballeira.

Trazo é moito máis que verde, é tamén cultura e historia. Os curiosos que se acheguen á vila non poden deixar de visitar o Pazo de Vilacoba, que nace como unha torre de defensa no século XV construida por Don Alfonso Alborxa Escudero. Tamén ao longo do río Chonia poden descubrirse unha serie de construcións da arquitectura tradicional da zona. Referímonos a varios muíños e batáns sitos na parroquia de Xavestre, e que teñen unha gran carga simbólica pola curiosa paisaxe que se forma na zona a poucos metros da desembocadura do Chonia no río Tambre. Tamén son populares Casa Ríos Merelle e Casa Salgado.

A arquitectura relixiosa é asemade moi abundante. O concello alberga un sinfín de cruceiros: de Santa Eufemia e San Mateo de Vilouchada, en Morlán, Trazo, en Chaián, Campo, Castelo, Berreo, de San Roque en Trazo, da igrexa parroquial de Vilouchada, Cruceiro de San Martiño, de Xavestre, de Restande e de Benza. Unha das grandes xoias é a Capela de Santa Eufemia, tamén coñecida como a Catedral da montaña. Situada na parroquia de San Vicente de Vilouchada, esta ermida é de estilo neoclásico e destaca nela o coborio octagonal rematado en cúpula sobre o cruceiro, engadido con posteriridade á construción inicial. A fachada frontal é a que concentra toda a decoración. A pesar da súa sinxeleza, a Igrexa de Berreo é singular polo seu campanario, que se atopa separado do edificio eclesiástico. Toda unha reliquia do medievo.

Os amantes das construcións relixiosas verán neste municipio o lugar ideal para recrearse nelas. E é que son moitas máis as que se contan en Trazo: a de San Xoán de Campo, Santa María de Restande, San Cristovo de Xavestre, San Martiño de Monzo, de Santa María de Chaián, Santa María de Morlán, San Vicente de Vilouchada, Santa María de Castelo, Santa María de Trazo e San Pedro de Benza. Tamén cabe destacar as capelas de San Xosé de Oa ou a de San Bieito de Viaño Pequeno. 

E por suposto non faltan as festas, sendo as máis soadas a do Escalo, que se celebra na carballeira de Chaián o terceiro domingo de xullo en colaboración con Santiago, e a de San Mateo, o 21 de setembro na Igrexa de Vilouchada.