Galicia é unha comunidade de bares e a gastronomía constitúe un dos seus principais atractivos. Por iso non é de estrañar que petiscar sexa unha das actividades que gozan de máis éxito entre aqueles galegos e turistas que aproveitan o seu tempo de lecer para coñecer a oferta culinaria dos seus destinos de veraneo a base de pequenos bocados.

De feito, datos do buscador Acierto indican que preferimos petiscar fronte a outras alternativas gastronómicas, especialmente se estamos de vacacións, como ir a un restaurante convencional, pedir comida ou recorrer ao fast food. Ademais, o estudo revela que nos gusta saír máis de petiscos pola noite e durante as fins de semana (case 9 de cada 10 o fai así), e que consumimos entre dous e cinco por persoa. E o mellor é que son moitos os establecementos que os poñen de forma gratuíta.

Na clasificación dos petiscos, ao parecer o preferido é o de tortilla, seguido polas patacas bravas, o xamón curado, as croquetas e a ensalada rusa (por orde de preferencia), aínda que non faltan o polbo, as luras á romana, os tigres e o queixo manchego. Uns petiscos que, por certo, en sete de cada dez ocasións veñen acompañadas dunha cervexa. O 26 % opta por tomar un viño e o resto elixe outras bebidas, segundo os datos do informe.

Chegados a este punto, xorde o eterno debate: tortilla de patacas con cebola ou sen cebola? Segundo os datos do comparador Acierto, tres de cada cinco prefírena con ela, e o éxito do prato é tal que non só se sitúa como prato preferido, senón tamén como comida favorita, seguida pola paella e o gaspacho.

E é que a gastronomía está a vivir un dos seus mellores momentos. Ademais do petisco, as opcións gourmet e a comida a domicilio, tamén viaxamos para comer ben. A cociña constitúe un factor decisivo á hora de viaxar e gozar das diferentes propostas do destino vacacional e, de feito, disparouse un 17 % respecto do ano pasado o gasto en turismo gastronómico. Ademais, estímase que os turistas que buscan experiencias gastronómicas deixan máis de 12.000 millóns de euros ao ano, e Galicia é unha das comunidades autónomas máis visitadas con tal fin, xunto ás de Andalucía, País Vasco e Asturias.

Please follow and like us:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *