Subiu ao escenario por primeira vez nunha función do colexio e, desde entón, Teté Delgado viviu nel. Daquela nena feliz e curiosa que quería ser científica e inventar cousas, quedan a súa capacidade de asombro e as súas ganas de gozar ao máximo da vida. Moi coñecida polos seus numerosos traballos en teatro, cinema e televisión, a súa popularidade viuse disparada coa súa participación en El Súper, a primeira teleserie española emitida diariamente por Telecinco entre 1996 e 1999, que lle abriu as portas a múltiples proxectos e que lle supuxo o agarimo do público. Colaboradora habitual de La Hora de La 1 e narradora de Los Gipsy Kings, a Teté tócalle esta tempada repartir o seu tempo entre as funcións da obra teatral Se infiel y non mires con quién, con Josema Yuste, e os concertos coa súa banda Teté y Los Ciclones, mentres escapa os venres a Luar, a súa segunda casa.

  •  Como é o teu primeiro recordo sobre un escenario? 

Foi nunha función do colexio, en oitavo de EXB. O de estar cómoda víñame de serie, pero logo tiven que aprender a facelo ben.

  • E os teus comezos na TVG? 

Estaba a estudar Psicoloxía e impartindo clases de salón e coñecín a Xosé Antonio Perozo. Fixémonos amigos e propúxome facer a proba para un papel nun programa que estaba a preparar coa produtora CTV para Televisión de Galicia, A Reoca. Curiosamente, os bailes de salón sempre estiveron tamén na miña vida, e anos despois traeríanme a oportunidade de ser xurado de Mira quién baila! en TVE.

  • Cando xorde a túa faceta como actriz? 

Pois tamén na Reoca, xa que dentro do programa fixemos unha telenovela que se chamaba Mapoula, triste Mapoula. Riamos moito. E no 90 empecei co Centro Dramático Galego, cun personaxe moi pequeno. Foi o gran debut teatral, mesmo con xira por España e Portugal!

  • E logo está a túa aterraxe en Madrid con ‘El Súper’. 

Si, presentei varios programas en Galicia e logo ficháronme para El Súper, en Telecinco. Foi a primeira novela diaria e promocionárona moitísimo. Eu creo que naceu como reacción ás telenovelas, que eran moi lentas, e en El Súper todo era moi rápido e pasaban moitas cousas. Pasámolo moi ben, foi divertidísimo. Empecei sendo a de T5, logo a da novela, logo a caixeira, logo Mari Carmen e logo, xa, Teté Delgado (jajaja).

  • Como lembras a época de empezar a ser coñecida? 

A verdade é que vivín ese proceso con moita naturalidade. Non me sorprendía que me coñecesen pola rúa, porque para min era e segue sendo como ter amigos en todas as partes. Cando empecei en Madrid estaba en moitas cousas e en todas partes. Foron dez anos moi gloriosos, de moito traballo, e na rúa nótase moito cando estás na tele. A min non me fai sentir distinta, saes nela e es popular e, cando non saes, pois vives con tranquilidade. Ademais, sempre tiven o nivel de fama marabilloso, bo para traballar e para que non te molesten moito. Venme pola rúa e saúdanme, pero non é invasivo.

  • Ademais, ti es unha persoa e un personaxe popular que caen ben. 

Si, é verdade, pero porque non falo mal de ninguén, nin critico a ningún compañeiro, e non falo da miña vida persoal, só o xusto, o que non me importa que se saiba. E, ademais, ás mulleres en xeral cáiolles ben, supoño que porque non me ven como unha ameaza… vaia, é unha idea miña. E creo que é unha vantaxe. Fálanme con naturalidade, con familiaridade, porque me ven próxima, da casa.

  • Protagonizaches moitas obras de teatro. Fálame das que máis te marcaron. 

Fixen moito teatro. Quizais Gorda, en 2005, con Luis Merlo, Lida Otón e Iñaki Miramón, coa que estivemos dous anos en cartel, polo que representou para min, porque creo que o público cambiou un pouco o concepto que tiña. E gustoume especialmente facer Galicia Caníbal, porque eu sempre quixen facer un musical de rockandroll, e cando me vin no escenario da Sala Sol, á beira de músicos que eran os meus referentes, como Germán Coppini, para min foi unha pasada. Vivino dunha forma natural, pero moi impresionada, e foi unha grande oportunidade. Eu tamén tiña esa parte de fan e de non verme ao seu nivel e fíxome moitísima ilusión formar parte daquilo.

  • Lideras a banda Teté y los Ciclones. A música estivo sempre presente tamén? 

Si, sempre. Recordo que aos oito anos me apuntei a clase de guitarra os sábados e lembro ir cantando no coche as cousas que me gustaban. Nunca tiven cinta de guitarra e levábaa apoiada na cadeira (ri). Pero o de ter un grupo non se me ocorreu ata que escoitei a Siniestro Total, que vivían a uns quilómetros da miña casa e saían en Aplauso! Empezouse a abrir todo nos anos oitenta, aínda que no Porriño non atopei o meu momento. Foi ao chegar a Santiago cando atopei a Tino, que é músico, para facer cancións e montar Teté y Los Supremos e, anos despois, en Madrid, apareceu Isaac González, e propúxome facer unha banda. Era un bo momento para min e animeime. Pero compaxinar os concertos de Teté y Los Ciclones co resto de traballos foi difícil. Ás veces obrígame a facer sesións dobres e outras a elixir. Creo que aínda non despeguei no música, pero gustaríame, e aí está.

  • E con ela volviches tamén a Luar esta tempada… 

Siiii, volver a Luar é volver á casa rodeada de amigos. A algúns non os coñecía e está a ser unha experiencia moi divertida. Gustaríame traballar máis aquí, porque levo dez anos vivindo en Galicia coa miña parella e son moi feliz.

  • Resísteseche o cinema? 

É o que menos fixen, pero porque non me chaman. Non sei se porque non encaixo nos proxectos que se fan ou porque tele chama a tele e teatro a teatro. A última que fixen foi Gordos, con Sánchez Arévalo, que estivo preseleccionada para os Oscars, e a verdade é que estou moi contenta con ese traballo.

  • Falas moito da amizade nos proxectos, pero pódese traballar tamén con xente que non che gusta? 

Si, claro que se pode. Eu cheguei a non falar cun compañeiro no eido persoal, pero cando se pisa un escenario o demais queda atrás. Non falas ti, fala o teu personaxe. E ás veces paseino mal, pero tes que tirar.

  • Que valoras á hora de elixir os traballos? 

O primeiro, que haxa unha boa historia que contar e que o meu papel teña algo que dicir, que me seduza. Logo, quen a vai dirixir, os compañeiros… e tamén como estou de axenda nese momento, porque ás veces tes que rexeitar algúns que che encantan e outras facer traballos alimenticios.

  • En que estás a traballar agora? 

Estou con Josema Yuste cunha comedia que se estreou nos setenta, unha versión de Se infeliz y no mires con quién. Non ten carga emocional, pero é moi divertida, e a xente agradéceo moito. Estreamos no verán de 2019, con xira, tempada en Madrid, e o parón da pandemia. Cando volvemos, foi marabilloso ver as ganas que tiña a xente de ir ao teatro e de rir.

  • E este verán como se presenta? 

Con xira de teatro e algunha actuación co grupo, pero tranquilo. Haberá máis cousas despois do verán, e teño un proxecto aí roldándome, que aínda non podo contar, pero que me ilusiona moito e pode ser moi grande.

MOI PERSOAL

É feliz “cando todo encaixa, cando todo está no seu sitio e podo respirar tranquila”. A coñecida actriz e cantante galega Teté Delgado, unha das actrices máis queridas do panorama nacional, é unha muller de sorriso case permanente, á que lle gusta desfrutar, hedonista e amante da vida, que atopa irresistible o talento e que, tras unha etapa “un pouco escura”, asegura está a vivir unha fase de autocoñecemento que lle vai vir moi ben. “Aprendín que son máis grande que as miñas emocións e intento controlalas”. Gústalle a tortilla de pataca, “porque é un prato que me inspira familia, agarimo” e, aínda que agora xa non ten a súa nai para facerlla, ten o seu amor, o actor Anxo Carvajal, para copiar a receita.

Texto: Ana Iglesias // Fotografías: Ferrín Santás // Vídeo: Sabela Freire // PeRRuquería: Jose Iglesias // MaquillaXe: Bea Yañez // Estilismos: El Corte Inglés