Mulleres fortes, valentes e apoderadas. Así son Olaia Maneiro, Aida Tarrío e Sabela Maneiro, cantareiras dunha nova década, que revolucionaron a escena musical galega e levaron o nome de Tanxugueiras a todos os recantos. Posuidoras dunhas voces cheas de virtuosismo e contundencia, elas son as máximas expoñentes dunha xeración aberta á evolución e á reformulación das músicas de creación colectiva galega.

Olaia Maneiro, Aida Tarrío e Sabela Maneiro converten cada recital nunha festa. Así o demostraron en máis de cen escenarios de todo o planeta durante os últimos catro anos, cun directo que é pura enerxía e potencia, no que fan gala dunhas voces que ligan con naturalidade alalás, músicas e letras, con e sen pandeiretas, e un repertorio con pezas íntimas e de corte tradicional, e himnos que abandeiran causas.

Con numerosos recoñecementos no seu haber, dous discos e varios singles, este 2021 foi o ano no que Tanxugueiras, consolidadas xa como un grupo que explora con curiosidade a fusión da tradición con sonoridades urbanas e modernas, se converteron por dereito propio nas cantareiras do século XXI.

DISCOS DE CABECEIRA

Olaia ManeiroContrapunto, de Tanxugueiras

Aida TarríoEl Mal Querer, de Rosalía 

Sabela ManeiroIsué, de Mercedes Peón

Fotografías: Rocío Cibes