Non existe unha sensación igual que a que viven os peregrinos á chegada á praza do Obradoiro. Non importa de onde veñan, nin a ruta que realizasen, nin tan sequera o motivo da súa peregrinaxe; todos e cada un deles describen unha emoción sen igual ao completar o Camiño, un cúmulo de sensacións que fan que Santiago e a súa praza máis emblemática sexan un lugar único no mundo.

Cada ano arriban na capital galega milleiros de camiñantes de todos os recunchos do planeta, completando os itinerarios xacobeos, o que provoca unha chegada incesante de visitantes a Santiago, que non só desfrutan da catedral románica erguida onde foron encontrados os restos do Apóstolo no século IX, senón que tamén aproveitan para coñecer os atractivos que presenta a cidade compostelá.

Dende que os peregrinos entran no termo municipal, o cal varía en función da ruta que se está a realizar, os picos da Catedral sobresaen no ceo santiagués, significando o punto de referencia que todos queren alcanzar. Esta obra monumental románica, marcada pola sobriedade posterior do Renacemento e a maxestuosidade do Barroca, é, precisamente, o mellor escaparate da cidade santa da cristiandade para darse a coñecer alén das súas fronteiras. 

Declarada Patrimonio da Humanidade pola Unesco, grazas a súa beleza monumental, extraordinaria conservación e por ser meta do Camiño, Santiago, onde a choiva é arte, é unha aparición de pedra animada entre os verdes bosques do Noroeste e as próximas rías galegas. O seu casco histórico, cheo de grandes atractivos, invita a perderse polos seus rueiros, os cales nos descobren grandes tesouros, así como establecementos de todo tipo, para mercar ou probar produtos típicos de toda a comunidade.

Por outra banda, Santiago conta tamén cunha enorme riqueza arquitectónica contemporánea, a cal se estende pola dotación de parques e xardíns máis importante de toda Galicia. Ademais, é unha cidade cultural por excelencia, berce dunha Universidade cinco veces centenaria.

A súa gastronomía, apta para todos os padais, e as súas xentes, que se caracterizan pola súa hospitalidade, fusiónanse para recibir aos visitantes que acoden a Santiago, os cales se multiplican en anos Xacobeos, como é o caso. Por iso, Compostela está agardando, con toda a súa maxia, a que turistas de todas as nacionalidades acudan, cando mellore situación sanitaria, a visitar a súa cidade. E para o seu benestar, conta cunha ampla rede de aloxamentos, de todo tipo, que son quen de acoller a todos e cada un dos viaxeiros.