Compostelá, Sabela Arán estudou Comunicación Audiovisual na USC antes de trasladarse a Madrid para facer un Máster de Interpretación en Cinema e Tv. A súa primeira película, Vilamor, convenceuna “aínda máis” de que quería dedicarse toda a vida a este oficio, á vez que aprendeu a súa esencia, “todo o que é, co bo e o malo”, nunha mestura de “paixón e responsabilidade”. Rostro habitual en series como Serramoura, Lobos e Cordeiros, A Esmorga, Néboa ou Método Criminal, que actualmente se emite en TVG, entre os seus proxectos máis inmediatos atópase a gravación dunha serie nova en Madrid.

“Todos os traballos son especiais por algo; ao final unha parte de tí queda en cada proxecto”, confesa Sabela, que sempre lembrará “con moito agarimo” o papel de Socorrito en A Esmorga, de Ignacio Vilar, e que está “a gozar moito” na pel de Celia, en Método Criminal, “un traballo co que rin como nunca”. Iso si, mirando ao futuro sinala que a pesar de ter moitas ganas de facer mil cosas, só quere traballar. “Esta non é unha carreira fácil. A inestabilidade laboral é a nosa eterna compañeira e, aínda que non podo queixarme, encantaríame estar cansada de traballar”. 

Sobre os personaxes que interpretou, Sabela asegura ter a sorte de “adorar e admirar a cada muller á que dei corpo e voz. En xeral foron mulleres que pasaban por potentes dificultades, pero que fixeron fronte ao mundo. Evolucionaron comigo e eu con elas. Mulleres que se movían por impulsos marabillosos e de principios sólidos; mulleres fortes en xeral”. 

Cun Mestre Mateo no seu haber e varios nomeamentos, Sabela ten claro que os premios “son accesorios desta profesión. Son algo positivo sempre que traian consigo máis oportunidades e unha maior visibilización do que fas. Recoñecer o bo traballo de compañeiros e compañeiras é algo moi gratificante”.

Con respecto á pandemia, asegura que “é terrible ver como un sector que tanto dá á sociedade poida estar a pasar por un momento así”. “O que está claro”, di, “é que a xente non pode vivir sen música, sen series, sen teatro… sen cultura con todo o que o concepto abarca. Eu vivín xa rodaxes nesta situación, e destinando unha parte do tempo e dos medios aos protocolos de seguridade e ás medidas necesarias, as cousas pódense facer”.

CUESTIONARIO

A paisaxe máis bonita de Galicia é a Ría de Muros e Noia. 

O meu sitio preferido é Santiago. Apaixóname, sobre todo as súas terrazas na zona vella. 

O mellor lugar para evadirse é o mar en Portosín.

Para unha comida especial quedo co restaurante San Clemente, en Santiago, ou con Pepe do Coxo, no Freixo. Ambos cun marisco riquísimo. 

Para unha escapada de fin de semana sérveme calquera sitio ao que poida levarme ao meu perriños. 

O próximo voo que colla será a Madrid por traballo. As viaxes de lecer xa chegarán, agora interésanme os de curro e para iso, que sexa onde sexa!

Fotografías: Bruno Rodríguez // Perruquería: Jose Iglesias // Maquillaxe: Titta di Berg, Lara Naveiro e Christian Velour // Localizacíon: Hotel Oca Puerta del Camino