Solidariedade, respecto, compañeirismo, disciplina, responsabilidade e compromiso son, do mesmo xeito ca o esforzo, o sacrificio e o xogo limpo algunhas das calidades inherentes á práctica do rugby e do fútbol americano, pero tamén imprescindibles para a vida. Por iso, son as palabras que máis se repiten na Asociación Valentes-Club Deportivo Lobos, unha entidade fundada en 2015 por un grupo de pais que apostan por educar en valores a través do deporte e que contan con preto de cincuenta escolares de entre 6 e 18 anos, que gozan tanto dos encontros amigables no campo coma do terceiro tempo.

Presidida por Betti Álvarez, a asociación adestra en Cacheiras e en Santiago e pon o seu foco de interese no traballo que están a levar a cabo as escolas de rugby, un deporte mixto no que os nenos e as nenas xogan con total equidade e nas que están moi implicados os seus responsables deportivos, Álvaro Caride e Diego Pagnotta. “Aquí fan deporte, falan, socializan, pero tamén aprenden a expoñerse a fallar e a perder o medo”, aínda que “a aprendizaxe é bidireccional e todos aprendemos de todos”, explican estes monitores, que afirman formar unha gran familia cos pais e cos xogadores e lamentan “a concepción errónea que hai destes deportes de contacto e o seu descoñecemento”.

Precisamente para transmitir esa diversión no campo, pero tamén o que hai máis alá do oval, o club celebrará na segunda quincena de abril xornadas de portas abertas en Compostela, e o 25 de maio unha concentración de clubs galegos nos que “haberá partidos sen apuntar os resultados, porque o obxectivo non é competir, senón xogar e pasalo ben, e será unha gran festa”.

Curiosamente, os pais de nenos de entre 6 e 10 anos son “moi receptivos” a este deporte, pero custa chegar aos dos adolescentes “porque lles parece un xogo moi agresivo, cando en realidade hai o máximo respecto e moito control, precisamente para que o contacto non sexa lesivo” e convidan a coñecer o labor deste club multideporte de rugby, flag e fútbol americano da comarca de Santiago.

Fotografías: Iria Martínez

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here