Cun estilo clásico, ao que lle engade de cando en vez algún matiz creativo, Roberto Sánchez é un dos profesionais da imaxe máis recoñecido. O seu obxectivo é axudarlles aos seus clientes a crearen unha imaxe propia coa que se identifiquen e que potencie as súas calidades. A clave do éxito para el é a planificación.

Como vestías de neno? 

Pois, loxicamente, vestíame a miña nai, e a verdade é que con moi bo gusto. Aínda conservamos algunhas pezas de cando era pequeno, como un abriguiño gris, que é marabilloso. Ademais, recordo que me encantaba poñer unhas cangrexeiras azuis para ir á piscina e que, aos doce anos, tiña a ilusión de ter uns zapatos de fibela. Desexo que cumpriron os Reis Magos, por certo, e desde entón este tipo de zapato (monkstrap) é o meu favorito.

Como definirías o teu estilo? Clásico e, de cando en vez, con algún matiz creativo. Por exemplo, gústanme moito para o meu tempo de lecer os pantalóns con petos laterais (cargo) e, de cando en vez, combínoos cunha blazer, camisa e zapatos formais.

Cal é esa peza que aguanta tempada tras tempada contigo?

Un tres cuartos negro perfecto para levar sobre un traxe ou un xersei. Aguanta ano tras ano en perfecto estado e non me canso del.

Cal é o mellor investimento en moda que fixeches?

No meu caso, este investimento fágoo en accesorios —fundamentalmente, cintos, xemelgos e gravatas— de firmas que todos coñecemos. Son pezas atemporais que utilizo en infinidade de ocasións. Sempre digo que para que un gasto en roupa ou en accesorios sexa un bo investimento só temos que dividir o prezo polo custo e, canto máis o utilicemos, mellor investimento teremos feito.

Que é o que nunca poñerías?

Un chándal. E nada máis que engadir a esta resposta…

Cal é a peza máis recorrente no teu armario?

A camisa branca. De feito, teño varias, tanto para ocasións formais como para looks casuais. Todo combina cunha camisa, que é o gran nexo de unión para crear infinidade de combinacións co resto das pezas.

Espántache a moda de… 

Calquera que converta a roupa nun disfrace. Se unha peza ou un accesorio é tendencia, se che queda ben, se te sentes cómodo e, ademais, se é do teu estilo, pois adiante con iso e gózao. Pero poñer algo porque é tendencia aínda que non che quede, non o vexo…

Cal é o mellor agasallo de moda que che fixeron?

Uns xemelgos que agora só utilizo para reunións importantes ou en ocasións moi especiais. Encántanme e quen mos regalou fíxoo sabendo que me faría moita ilusión. Acertou plenamente!

Amor a primeiro vista por…

Un cinto icónico de Hermés. Desde o momento en que o vin, souben que o quería ter, e así foi. Agora é un dos meus accesorios favoritos. Ten en conta que polo meu traballo vexo moitísima roupa e accesorios, de maneira que cando sinto esa atracción sempre me dou uns días para ver se é namoramento ou só un capricho pasaxeiro. A maior parte das veces trátase do segundo, e por iso sempre lles recomendo aos meus clientes que non compren por impulsos, senón que se cingan a unha planificación previa. 

Quen é o teu deseñador favorito?

Tom Ford podería ser unha primeira opción e Karl Lagerfeld a segunda. Pero, se podo elixir, quedo cunha xastrería que me faga as pezas acorde ás miñas características, preferencias e estilo persoal.

O mellor consello de moda que podes dar…

A planificación é a clave para conseguir a nosa mellor versión. Inviste e dedica o tempo necesario a crear a imaxe que realmente te identifica porque ti es o mellor proxecto da túa vida.

Compras estrela

“Á hora de recomendar unha selección de pezas e accesorios para comprar ou regalar esta tempada, tiven en conta que fosen básicos imprescindibles, roupa neutra que lle puidese gustar ou quedar ben á maioría das persoas, que tivese un pequeno toque de tendencia para que servise este ano e que puidese ser un obsequio co que acertar facilmente”.

Home

1Blazer

“Sen dúbida, este tipo de chaqueta ben elixida (corte e cor neutra que nos favoreza) será unha das pezas que máis usemos durante a tempada inverno e primavera”.

2Suadoiro

“Aínda que é unha peza que adoita asociarse ao deporte, tamén encaixa á perfección en looks casuais. Recomendo utilizalo cunha camisa, xa que o concepto cambia por completo”.

3Zapatos

“Un par de zapatos elegantes son imprescindibles en calquera armario dun cabaleiro. Os monkstrap son perfectos para todo tipo de situacións”.

4Reloxo

“Un dos complementos fundamentais para calquera cabaleiro, dado que eleva e completa calquera look”.

5Bufanda

“É o agasallo perfecto para este Nadal, dado que é outro dos imprescindibles do armario de inverno”.

 

Mujer

6Vestido negro

“É o rei do armario feminino e, canto máis sinxelo sexa, máis veces o utilizaremos, debido a que nos servirá tanto para looks formais coma para os máis casuais que poidamos imaxinar (por exemplo, cunhas deportivas e cun cárdigan longo de punto)”.

7Deportivas con pelo

“Ademais de cálidas, achegan un toque diferenciado á nosa imaxe, xa que nada teñen que ver coas zapatillas deportivas que vemos habitualmente. Ao ser en tons neutros, combinalas será moi sinxelo”.

8Colar de prata con cristales Swarovski

“É o complemento perfecto para converter unha peza (xa sexa unha simple camisa ou o famoso vestido negro) en idónea para calquera tipo de evento nocturno”.

9Xersei de la

“Non pode faltar un xersei dentro dos nosos outfits invernais. Este ha de ser extremadamente cómodo e, ao mesmo tempo, debe permitirnos ir elegantes. Unha cor clara é perfectamente factible para a época de inverno, o que ademais che permitirá combinalo con pezas máis escuras e crear un magnífico contraste de cor”.

10Pantalón jogger cargo

“É tendencia absoluta, tanto o pantalón jogger coma o cargo, un modelo este que xunta ambas as características e que se converte nunha peza idónea para os nosos momentos de lecer. Para elevar o look, cando utilices este pantalón, combínao cunha camisa, con zapatos de tacón ou ben con calquera peza que consideres formal”.

11Bolsa de aseo

“É outro dos agasallos comodín se queres acertar este Nadal. Tes infinidade de opcións e a maioría das persoas estarán encantadas de estrear un neceser”.

Texto: Martina Izard // Fotografías: Hélio Alexandre