Nun espazo natural de valor incalculable, o concello de Quiroga forma parte do Xeoparque Mundial da Unesco das Montañas do Courel e da Reserva da Biosfera da Ribeira Sacra, Serras do Oribo e o Courel, que será declarada como tal, tamén pola Unesco, ao longo deste 2021.

Estes dous nomeamentos poñen en valor a riqueza dun municipio no que o visitante pode desfrutar das súas numerosas rutas de sendeirismo, da súa impresionante rede de miradoiros, do seu rico e variado patrimonio natural e cultural ou da súa gastronomía máis típica.

Para coñecer de primeira man a riqueza local, dende a Oficina de Turismo recoméndase comezar a visita da súa extensa e variada contorna dende os museos emprazados na vila: o Xeolóxico e o Etnográfico. 

Ao seguir, os seus itinerarios permiten descubrir a súa biodiversidade e a súa fermosa paisaxe, atopando enclaves únicos para gozar, por exemplo, da súa xeoloxía, historia, arqueoloxía, etnografía, patrimonio mineiro, bosques, ríos ou fervenzas. Ademais, para os máis atrevidos, o concello aporta unhas condicións ideais para realizar actividades como as carreiras de montaña, o barranquismo, o parapente ou o piraguismo.

E para rematar a visita, que mellor maneira que saboreando os seus produtos estrela, cada un deles coa súa respectiva festa gastronómica: o aceite (Festa de Interese Turístico de Galicia, 30 de maio), o viño (24 e 25 de xullo) e a mel (10 de agosto).