Aínda que os homes se rasuran ata 16.000 veces na súa vida como parte da súa rutina diaria, adoitan facelo mal. Polo menos, iso opinan os expertos en afeitado masculino, que destacan que a pel do home é un 20 % máis grosa e envellece de maneira distinta á das mulleres e que case o 40 % deles ten problemas de pel por culpa do afeitado e facelo diariamente provoca irritación e fai que a pel se volva máis sensible. Doutra banda, os signos de envellecemento aparecen máis tarde na pel dos homes ca na das mulleres, pero cando comezan os cambios van con maior rapidez e as engurras, malia que saen máis tarde, son máis profundas.

Para moitos homes rasurar a barba forma parte da súa rutina de beleza diaria, polo que os expertos dan unha serie de consellos para lograr un rasurado duradeiro con coitela e previr a irritación da pel.

 

O mellor momento é pola mañá, xa que os músculos da cara están relaxados polo descanso nocturno.

Primeiro unha ducha, limpando a pel da cara cun exfoliante para facilitar o afeitado, xa que elimina as células mortas da pel e evita a aparición dos pelos enquistados.

Escoller o produto adecuado. Se se ten a pel sensible ou seca, convén decantarse por cremas de afeitado; se a pel é graxa, hai que optar por xeles e escumas e, con pel normal, pódese usar calquera tipo de textura. Débense evitar os produtos a base de alcol, xa que secan a pel, e convén optar por ingredientes hidratantes como a glicerina. Hai que aplicalo sobre o rostro humedecido con auga quente e deixalo actuar un par de minutos coa coitela humedecida.

Usar unha coitela en ángulo de múltiples follas para que sexa máis fácil cubrir todas as curvas da cara e  cambiar as coitelas frecuentemente!

Na dirección adecuada. É aconsellable afeitarse no sentido do nacemento do pelo, meixelas, pescozo, o bigote e o queixo.

Despois do afeitado, aclarar a cara con auga fría para refrescar e pechar os poros, e secarse cunha toalla mediante lixeiros toques, antes de aplicar un bo produto hidratante.

Outros coidados do rostro. Unha vez que se conseguiu o afeitado perfecto, manter un rostro impoluto require outros coidados, como limpezas faciais dúas veces ao día con leite limpador ou auga micelar, hidratar a pel e utilizar exfoliante e máscara unha ou dúas veces á semana.