Chega o verán e hai moitos tratamentos estéticos perfectamente compatibles cos meses de calor e mesmo co sol. Segundo os expertos, os peelings superficiais (de glicólico, salicílico ou mandélico), “perfectos para eliminar as primeiras capas de pel e suavizar marcas, pequenas engurras e manchas, e mellorar o ton e a luminosidade”, pódense facer na época estival, “aínda que, iso si, con precaucións, como non tomar nada o sol durante dous días e, os seguintes, só con protección solar moi alta (FPS 50+), chapeu, lentes e antuca”.

E os tratamentos de beleza faciais con ácido hialurónico ou hidroxipatita cálcica tamén se poden aplicar en calquera momento do ano. “O primeiro, se é de alta densidade, ao aplicalo a un nivel profundo, recupera volumes faciais e reposiciona. En cambio, se se utiliza só para hidratar e dar un aspecto lustroso, ten que ser de baixa densidade e ponse con micropicadas mediante a técnica da mesoterapia. Pola súa banda, a hidroxiapatita infíltrase en zonas onde se quere estimular o coláxeno e reafirmar ou encher”.

Outra técnica que tamén se pode realizar no verán, aínda que hai que ter presente que non se pode tomar o sol durante un par de días e que hai que intensificar a protección solar despois, é a da toxina botulínica, unha das máis demandadas en medicina estética. Os profesionais explican que “o tratamento con bótox se fai mediante unha infiltración ben aplicada. Este tratamento rexuvenece, elimina a cara de preocupación ou cansazo, esvaece as engurras e é minimamente invasivo”.

A mesoterapia para reducir a celulite, os ultrasóns focalizados de alta intensidade (HIFU) para reducir, reafirmar e alisar abdome, peito, brazos ou coxas, ou os fíos de efecto lifting, que se infiltran a través dun punto de entrada, tamén son perfectos para esta época do ano.

Texto: Martina Alba

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here