Di Juan Fraga (Compostela, 1973), coñecido artisticamente como Perrisco, que todo empezou cunha mazá. É o primeiro que anima o seu alumnado a pintar para ver o seu potencial e o primeiro que a el se lle vén á memoria cando fala das súas orixes como pintor autodidacta, afeccionado aos pinceis desde neno e con formación artística en Belas Artes pola Universidade de Vigo. E, tres décadas despois de iniciarse profesionalmente no mundo da arte, asegura seguir evadíndose e gozando como o primeiro día ante os lenzos no seu pequeno taller compostelán.

Paisaxes urbanas difusas, retratos hiperrealistas pasados polo filtro do surrealismo, naturezas mortas… O universo de Perrisco está envolto en cores vivas e atmosféricas e bebe de todas as correntes da arte para converterse nunha obra moi particular.

Tras el atópase Juan Fraga, un compostelán afeccionado á pintura desde a nenez, que volveu hai case 9 anos á súa cidade natal tras pasar unha década en Marbella, onde traballou con varios artistas e asistiu a numerosos talleres que lle permitiron chegar coa súa arte a outros países como Dubai ou Australia.

Desde a mazá, símbolo da súa firma persoal, ás paisaxes e ao mundo que o rodea, Perrisco evolucionou nunha íntima viaxe na que combina técnicas de mestres antigos con referencias vangardistas, ata chegar a unha obra con selo propio e para a que todo o que o rodea supón unha fonte de inspiración. Nada como ver as súas últimas series Humantropia e City para decatarse diso.

Texto: Toni Martín // Fotografías: Bea Barros