Visitamos a prestixiosa clínica de Yolanda Albelda, na capital de Galicia.

 

 

Doutora en Farmacia, experta en dietética, nutrición celular activa e técnicas de estética, Yolanda Albelda abriu a súa clínica de medicina estética en Compostela hai 12 anos, converténdoo nun dos centros máis recoñecidos de ámbito nacional. Apaixonada do seu traballo, explica que «é un campo moi amplo, que permite utilizar moitísimas ferramentas e é tan dinámico coma min. Deume moito xogo e permíteme estar en constante renovación e actualización porque, se non o fas, quedas obsoleta. É unha disciplina na que hai que estar á última».

«Ademais, está moi relacionada coa saúde, que é a miña base de formación. Vai máis alá da simple beleza, porque o obxectivo é conseguir saúde e benestar, sen perder a naturalidade» vendo o paciente «coma un todo, non só o problema final, senón o motivo. Creo que hai que axudar de dentro cara a fóra e non centrarse nun problema puntual, senón ir á orixe. É a única forma de conseguir bos resultados que perduren no tempo».


Eu vexo unha pel e interprétoa, miro o que me pide nese momento

Un interesante campo no que recoñece que «a pesar de que me apaixonan os aparatos e son das que vexo algo e xa o quero porque dan moito xogo na clínica para avanzar e ser mellores», o seu tratamento preferido é o peeling químico para aplicar só ou combinado con outros procedementos. «Eu vexo unha pel e interprétoa, miro o que me pide nese momento para preparar o peeling e aplicalo, deixo que a pel me fale», explica Yolanda, sinalando que «pode ser máis superficial, medio ou máis profundo, segundo a paciente» e que «lle dan moito xogo», porque ao ser doutora en Farmacia pode «facer un cóctel e personalizalo».

«Ademais de lembrarme as orixes da miña formación e aínda que non valen para todo, gústanme porque axudan a preparar peles, melloralas e potencialas».

https://www.youtube.com/watch?v=BfKEK1H8fk4

Tamén confesa o seu gusto polos láseres, a luz pulsada, a radiofrecuencia médica ou o indiba «que é coma un zapato de salón negro, un fondo de armario que serve para todo o mundo e te saca de moitos apuros», aínda que insiste sobre todo na combinación de tratamentos, «en non obcecarse en pensar que só hai unha opción para un paciente, senón moitas e empezar pola que cres que debes facelo. Creo que a combinación é o que mellor funciona porque ata onde non chegue un tratamento, chegará o outro, sempre e cando se utilicen da forma adecuada».

Para esta reputada especialista, a clave do éxito está nunha boa formación e experiencia para evitar problemas. «En ningún campo da medicina dous máis dous son catro, por iso, o importante é ter unha bagaxe que che permita reaccionar se algo non sae como ti esperas» e incide, sobre todo, en que «a medicina estética ten un límite e hai que ser claros co paciente e non ofrecer máis do que podemos facer».

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here