Cun centro histórico declarado ben de interese cultural e varios areais de alto valor ecolóxico na súa contorna, á riqueza paisaxística e patrimonial de Noia súmase nestas datas o atractivo da Semana Santa e a festa patronal de San Marcos.

E é que, desde tempos inmemoriais, a Pascua deste municipio coruñés está considerada como unha das máis importantes de Galicia. De feito, cada ano prepárase e vívese con máis entusiasmo e, como xa é tradicional, dá comezo coa novena da Nosa Señora das Dores que se celebra o venres anterior ao Domingo de Ramos, con misa cantada e unha procesión que prepara con especial agarimo a asociación máis antiga da parroquia do seu nome, na que participan todos os confrades e outros devotos. E serán precisamente as oracións litúrxicas e as procesións as que centren os días de festa, que se completarán con actividades lúdicas.

Tamén destaca entre os encantos da primavera na zona a Festa de San Marcos, que este ano se celebra do 21 ao 25 de abril. No transcurso destas xornadas, os amantes dos equinos poderán gozar da Feira Cabalar, que lle rende homenaxe ao cabalo, coa venda de animais, exhibicións de doma, certames de raza e concursos hípicos, e a Feira da Maquinaria Agrícola, na que as empresas da zona dedicadas a esta actividade expoñen e venden as últimas novidades do sector agrario e hortofrutícola.

Ademais, veciños e visitantes poderán deleitarse con grandes actuacións musicais a cargo de orquestras e de coñecidos artistas.

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here