Filosofía budista na educación canina

O compostelán Alejandro Valverde lembra con especial cariño a primeira cadela que adoptou no refuxio de Bando, unha mestiza de sete anos á que bautizou co nome de Kally e que supuxo o seu primeiro contacto co mundo do adestramento animal.

«Empecei a educala e o resultado foi marabilloso, aprendeu moi rápido e
eu tamén con ela. Deime de conta do moito que se podía facer neste campo e o
moito que me gustaba a min».

Deseñador gráfico, Álex comezou entón a formarse en educación canina e terminou cambiando o seu traballo nunha librería polo de adestrador nunha escola, ata que o ano pasado decidiu montar Budadog, onde imparten «educación amable e en positivo», ensinando coidado e pautas de conduta do can, pero dando tamén soporte vital e emocional aos seus donos e donas, «porque en moitas ocasións hai sufrimento, malestar e frustración por non lograr resultados, e é necesario traballar con donos e mascotas conxuntamente», explica Álex, que impregnou de filosofía budista a base dos seus métodos de adestramento.
Ademais dos que buscan corrixir a agresividade dos animais ou modificar o seu carácter ou conduta, a Budadog chegan moitas persoas que «simplemente non saben educalos e piden orientación para solucionar os problemas no manexo do can» e insiste en que «se debería ir máis alá dos riscos físicos do animal e ter máis en conta as características e o carácter de cada raza. O perfecto sería buscar axuda profesional antes de seleccionar un can, porque lles poderiamos axudar incluso a preparar a casa e lles ensinariamos a educalos correctamente para gozar da súa convivencia».

Alejandro Valverde e ‘Trufa’. Fotografía Sue Rainbow

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here