No interior da provincia da Coruña, en Melide conflúen o Camiño Primitivo, o primeiro de todos, e o Camiño Francés, o máis coñecido e transitado. Este motivo explica que, cada ano, milleiros de camiñantes enchan a terra máis doce de peregrinación cara Santiago.

O municipio representa unha das paradas máis empregadas polos peregrinos, debido á ampla actividade diaria que o caracteriza, chea de actos culturais e de patrimonio cultural que visualizar. Por iso, Melide e o camiño acadaron unha perfecta simbiose que perdura ao longo do tempo.

No Camiño Francés existe un amplo patrimonio cultural, dende o antigo hospital de peregrinos e a igrexa gótica, na parroquia do Leboreiro, ata os dous elementos máis relevantes do concello, a ponte medieval sobre o río Furelos e a Igrexa de Santa María, soberbio exemplo de arquitectura relixiosa do século XII, declarada Monumento Nacional pola súa importancia artística. 

Mentres tanto, o Camiño Primitivo, considerado o pai dos camiños de Santiago, únese ao Francés no centro da vila.

Como punto de parada, despois do largo camiño, a tradición obriga aos peregrinos a gozar do polbo nos establecementos locais, co obxectivo de repoñer forzas e desfrutar do polbo mellor cociñado do mundo, así como dunha zona de viños única en Galicia. 

A maiores, Melide, entre outras posibilidades, tamén ofrece albergues, gastronomía, lecer, cultura, comercio local ou ocio nocturno.