Licenciada en Xornalismo e con estudos en Arte Dramática, María Mera deuse a coñecer como actriz na serie Matalobos, converténdose desde entón nun dos rostros máis coñecidos da TVG, onde compaxina a súa aparición en series de ficción co seu labor como presentadora. Ademais de intervir en películas como O Descoñecido, de Dani de la Torre, ou Julieta, de Pedro Almodóvar, María protagonizou Dalia, a modista, distribuída en máis de dez países, e O sabor dás margaridas, que se converteu nun éxito internacional en Netflix, con dúas tempadas.

 “A primeira vez que me puxen ante as cámaras foi en Matalobos”, rememora María, que o lembra como “un día moi completo, con moitas secuencias nas que me daban labazadas, tiña sexo… eran moi duras para ser a miña primeira vez rodando unha serie a nivel profesional, pero ao acabar todo o equipo aplaudiume e foi unha pasada. Saín contentísima, coa sensación de cumprir o meu soño de gravar unha serie e traballar como actriz. Foi unha mestura de sensacións, de nervios, de estar moi concentrada, de querer facer todo perfecto, de estar moi atenta a todos os detalles. Foi un día que me quedará gravado para a vida”.

Por iso, non é de estrañar que sexa precisamente Matalobos, a serie que a deu a coñecer aos 22 anos e que ela recoñece como “a base da miña carreira, cun personaxe moi arriscado e un percorrido interpretativo moi longo” sexa un polos que senta “máis agarimo, agradecemento e emoción”, aínda que afirma que “todos os papeis son especiais por algo”. 

“Dalia, a modista, por exemplo, foi o meu primeiro papel tras ser mamá e rodeino coa miña filla Dalia, de 5 meses, pegada a min. Foi unha rodaxe moi intensa a nivel emocional, porque había un cambio en min e iso tamén se reflicte no traballo, mentres que en O sabor dás margaridas  fixen un papel que soñaba con facer, rompendo moitos clichés. Foi moi arriscado e diferente ao que fixera ata o momento e como actriz, un dos retos máis difíciles que se me puxeron diante. Hai un antes e un despois, por todo o que aprendín”.

Tamén recoñece ter a sorte de “facer papeis moi diferentes entre si, pero todos de mulleres con moita forza”, e entre os que destaca o de Rosa Vargas (O sabor dás margaridas). “Mesmo a min chocábame porque eu son totalmente distinta e non me recoñecía en nada. Ela é unha persoa moi parca en palabras, moi fría, e interpretala era a priori un shock porque eu son doce, riseira… Pero sorprendentemente foi o personaxe co que sentín máis cómoda gravando”. 

Alegre e positiva, María confesa que o covid-19 lle está afectando laboralmente a todos os niveis, con “menos probas, menos castings, proxectos aprazados e moita incerteza”. 

“Se xa de seu era un sector magoado, con todo isto está peor. Antes todo era unha incerteza e agora é unha tolemia”, di María, quen asegura que “o que me apetece é traballar, por suposto. Enfrontarme a un papel no que teña que buscar emocións fortes, e a retos interpretativos que me obriguen a poñer toda a carne no asador”.

CUESTIONARIO 

A paisaxe máis bonita de Galicia está en calquera praia galega. 

O meu sitio preferido é agora mesmo a carballeira onde imos construír a nosa futura casa.

O mellor lugar para evadirse é calquera xunto ao mar. 

Para unha comida especial un sushi mirando o mar. 

Para unha escapada de fin de semana vénme á cabeza o Parador de Santo Estebo, na Ribeira Sacra. 

O próximo voo que colla será a… non sei, oxalá que sexa pronto. Sigo soñando coa Riviera Maya, con esas praias… 

 

Fotografías: Bruno Rodríguez // Perruquería: Jose Iglesias // Maquillaxe: Titta di Berg, Lara Naveiro e Christian Velour // Localizacíon: Hotel Oca Puerta del Camino