Mayordomo Smart Point

Recepción de paquetería gratis e unha ampla carteira de servizos para facilitar a conciliación entre a vida laboral e persoal. Estes son os dous alicerces fundamentais sobre os que se asenta Mayordomo Smart Point, co seu sistema de armarios intelixentes, que se instalan en edificios corporativos e comunidades de veciños para xestionar os envíos de comercio electrónico, paquetería ou documentos, co que se lles facilita a vida aos seus usuarios e usuarias.

O incremento de compras en liña e a falta de tempo libre está a facer que os primeiros armarios intelixentes instalados en decenas de oficinas corporativas de Madrid e Barcelona estean a ser un éxito, xa que lles permite aos empregados recibir os seus paquetes persoais e usar un amplo catálogo de servizos, como tinturería, lavandería, arranxo de roupa e calzado, pedidos de óptica e farmacia, papelería ou taller mecánico para o vehículo, entre moitos outros.

“A través de Mayordomo Smart Point, as persoas empregadas dunha empresa poden recibir paquetes e facer devolucións das súas compras en liña con comodidade e flexibilidade”, explica o seu director de Innovación, Miguel Silva Constenla. Ademais, “é totalmente gratis para os usuarios” e permite unha “rápida distribución dos servizos e o seguimento do pedido por parte do usuario individual a través de correo electrónico e mensaxería”.

Parte do seu éxito reside tamén na facilidade á hora de manexalo, xa que se trata dun sistema moi intuitivo. “Os usuarios só teñen que rexistrarse unha primeira vez e utilizar o código persoal que lles chega ao seu móbil para indicalo xunto ao enderezo de entrega ou recollida do paquete. Unha vez que este chega ao armario intelixente, recibe unha mensaxe cun segundo código para abrir a porta do armario intelixente na que se atopa o pedido”.

A compañía, que acaba de iniciar o seu plan de expansión en Galicia coa instalación dun Smart Point no Grupo Correo Gallego, asegura que “tanto as empresas que nolas contratan coma o persoal que as utiliza están moi satisfeitos polo aforro de tempo que supoñen e pola facilidade que dan para facer determinadas xestións”.

Desde un punto de vista práctico, o proceso é moi sinxelo, xa que unha vez contratado o Smart Point, persoal de Mayordomo Smart Point configura e personaliza o armario intelixente e o software, instálao no sitio acordado, e celebra un opening day para dar a coñecer o seu funcionamento e as súas posibilidades.

Condicións

Atención ao cliente por teléfono e en liña para calquera incidencia relacionada co uso do armario intelixente. Soporte de mantemento do armario intelixente e do software. Envío de estatísticas de frecuencia de uso e solicitudes realizadas. Xestión de todos os servizos e provedores, o que garante a súa calidade. Opción á ampliación de servizos, de acordo coa súa dispoñibilidade e tendo en conta as preferencias dos usuarios.

Requerimentos

Punto de conexión eléctrica, preparado para unha conexión con contactos exteriores de toma de terra na parte superior e inferior do enchufe. Punto de conexión de ADSL ou nun espazo con sinal WIFI ou cobertura de móbil para datos 3G. Un espazo hábil cunha profundidade de 160 cm, 245 cm de ancho e 210 cm de altura.

Fotos: Iria Martínez

Texto: Ana Iglesias

Vídeo: Javier Rosende

Please follow and like us:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *