Situado na zona de Monte Alto, o ximnasio Hércules forma parte da historia do popular barrio coruñés por dereito propio, xa que por el pasaron numerosas xeracións de nenos enganchados ás películas de Bruce Lee e David Carradine alá polos setenta e adultos desexosos de aprender os segredos das artes marciais. Un daqueles rapaces foi Enrique Santos, que pasou de ser alumno e de aprender as técnicas de orixe chinesa a converterse logo en monitor e, desde hai tres anos, en propietario.

Aínda que todas as actividades que se ofrecen no ximnasio “teñen o seu público”, o karate continúa sendo a actividade estrela e case o sinal de identidade do Hércules, que acaba de incorporar  tamén total barre, “para axudar a mellorar postura corporal, equilibrio, estabilidade, firmeza, resistencia muscular, elasticidade, flexibilidade e conexión corpo-mente, mesturando pilates, barra de ballet e fitness”, mentres continúa crecendo o interese polas clases de defensa persoal feminina, convertida desde hai algún tempo nunha das máis demandadas. 

“Ofrecémola como parte do noso programa anual, pero tamén como taller intensivo de tres ou catro sábados”, explica Quique, que recalca que o obxectivo é “que as alumnas se sintan máis seguras e que saiban previr o ataque e defenderse del”.

O punto de inicio é inculcarlles que “o máis importante é tratar de evitar os ataques sempre. Por iso, o primeiro consello que lles dou é que berren: lume!, que é o máis efectivo para que a xente que o escoite preste atención e lles axude, e o segundo é que intenten fuxir”.

“Logo ensinámoslles algunhas técnicas para repeler a agresión, evitar o ataque e dar algúns golpes que sexan efectivos para poder desembarazarse do atacante e botar a correr. En definitiva, queremos que aprendan a defenderse”.

No taller intensivo, ao que acoden mulleres de todas as idades e condicións físicas, ensínase o “básico, algunhas chaves, proxeccións, golpes con cóbado ou xeonllo…”, pero Quique insiste en que o fundamental é “aprendelas para saír do apuro no menor tempo posible e que poidan escapar”, mentres que o curso anual posibilita a práctica, “e facelo habitualmente é a forma de que logo nos saia de maneira natural”, di. Por iso, moitas alumnas como Eva Ponte Ribeiro (nas fotos durante unha clase con Quique Santos) empezan apuntándose a un taller e terminan pasando á actividade anual.

Texto: Ana Iglesias // Fotografías: Bruno Rodríguez @brod_a_secas // Vídeo: Sabela Freire

Club Hércules: C/ Camariñas, 9, 15002 A Coruña · 646 02 14 81