Tendo en conta de que desde a súa creación en 1995, o selo Galicia Calidade converteuse nunha referencia de confianza para os consumidores, non é de estrañar que cada día sexan máis as empresas que busquen o seu selo, un distintivo que acredita a orixe galega do produto, o talento e a creatividade cos que son elaborados, e o seu compromiso de calidade para destacar nos mercados máis competitivos. 

Entre as últimas firmas en adherirse a esta marca de garantía atópase Campus Stellae, tras a que se atopa Isabel Carlín, á fronte das xoierías Isabel Suárez en Compostela, coa súa colección Sea, primeira que fan cunha historia de base e coidando todos os detalles ao máximo, que está inspirada nos mares e océano galegos e no seu valor que, de forma natural “regálanos parte da materia prima da que está composta cada xoia”. 

“Tentamos recrear o coral amarrado ás pedras e mesturalo coas perlas cultivadas, buscadas e seleccionadas en exclusiva para a xoia. Todo fabricado en ouro de 18 kilates”, explica a súa creadora sobre os pendentes feitos a man no seu taller, e que se completa cun colgante de perla e ouro branco con diamantes, inspirada en dous dos catro elementos fundamentais, auga e terra. 

Para a coñecida xoieira, ter o selo de Galicia Calidade significa “un recoñecemento”, destacando “o prestixio” da institución, e “a confianza que xera entre o consumidor o seu distintivo”. Campus Stellae súmase a outros recoñecidos xoieiros artesáns como Ardentia, Fernando Gallego Xoieiro Artesán, Fink Ourives, Katuxa Platero Xoias, Orfega, Óscar Rodríguez Xoieiros e Unión Xoieira de Bergondo, oito marcas ás que mirar neste Nadal.

 

Fotografías da colección ‘Sea’ de Campus Stellae