A Xunta de Galicia vén de finalizar as obras do Fontán, o edificio construído na Cidade da Cultura de Galicia destinado a fortalecer a competitividade do sistema universitario galego e impulsar a investigación no eido dos estudos do patrimonio. 

Esta nova infraestrutura, que albergará 200 técnicos e investigadores, completa o proxecto do Gaiás, pechando unha fase dominada polos grandes proxectos construtivos e iniciando agora una nova etapa marcada pola expansión da súa actividade. 

Tras o remate dos traballos, finalizados no prazo de 2021 pese ao impacto da pandemia, as institucións académicas e os centros de investigación residentes atópanse xa mergulladas na operación de traslado e de equipamento das súas áreas de traballo, aulas e laboratorios.

O Fontán levántase sobre os restos da estrutura que ía ser o aparcadoiro do Teatro da Música, un dos dous edificios incluídos no proxecto de Peter Eisenman e paralizados pola  Xunta de Galicia no 2011, no contexto da crise económica que se vivía naquel momento, decisión que permitiu un aforro de 77 millóns de euros. 

Esta nova infraestrutura representa, polo tanto, a vontade de rematar a Cidade da Cultura adaptando os proxectos ás novas necesidades de Galicia e seguindo un principio de austeridade no gasto, do mesmo xeito que  o Centro de Arte Internacional se transformou no actual Xardín Literario ou o baleiro do Teatro da Música no Xardín do Teatro, ambas intervencións paisaxísticas de baixo custo.

Impulso ao sistema universitario

O novo edificio, bautizado como Fontán en homenaxe ao insigne xeógrafo galego, acollerá o Consorcio Interuniversitario do Sistema Universitario de Galicia, que impulsará a cooperación organizativa, técnica e económica das tres universidades; e a Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, que velará pola actualización da oferta académica e a adaptación ás demandas laborais de cada momento. 

Ademais, o Fontán situará a Galicia nunha posición de liderado en España nos estudos sobre patrimonio co traslado do Instituto de Ciencias do Patrimonio, dependente do CSIC, con 50 investigadores de 11 países diferentes; e o Centro de Investigación Interuniversitario en Paisaxes Atlánticas Culturais, un centro pioneiro nas investigacións sobre paisaxe e patrimonio cultural, que contará cun Observatorio permanente sobre o Camiño de Santiago. 

Inicio dunha etapa expansiva

A Cidade da Cultura, que cumpre os seus dez primeiros anos de vida, viña operando xa como una infraestrutura de referencia en Galicia no eido da cultura, a tecnoloxía e o emprendemento. Coa posta en marcha do Fontán, o Gaiás amplía estes tres eixos de actuación incluíndo os estudos sobre o patrimonio cultural e o impulso da calidade do sistema universitario.  

O novo mapa do complexo engloba cinco edificios: o Centro de Emprendemento, a Biblioteca e Arquivo de Galicia, o Museo Centro Gaiás, o edificio CINC e o Fontán, centros nos que traballarán aproximadamente novecentas persoas.

Dez anos despois da súa apertura ao público, a Cidade da Cultura transformouse tamén nun gran pulmón para Santiago, con corenta hectáreas verdes, máis de 12.000 árbores de especies autóctonas, ademais de xardíns, lagos, áreas infantís  e unha conexión directa coa Autopista do Atlántico (AP-9).

En canto ao seu nivel de actividade, este último ano presentouse o resultado dun estudo de contabilidade social realizado en colaboración Universidade de Deusto no que se estima en 25 millóns o valor que o Gaiás xera na sociedade. Do mesmo xeito, o prestixioso Observatorio da Cultura da Fundación Contemporánea elixiu a Cidade da Cultura como o mellor proxecto cultural de Galicia en 2020.

De xeito complementario á actividade propia das súas institucións, o Gaiás cumpre tamén diferentes función sociais, optimizando así a potencialidade da súa arquitectura. Sirva como exemplo o seu uso como un dos grandes centros de vacinación abertos polo Sergas no marco das accións postas en marcha pola Xunta para combater a covid-19.