As actrices Ana Turpin (Compostela, 1978) e Bárbara Grandío (A Coruña, 1983) non só se dedican á mesma profesión, tamén comparten mes de nacemento e o gusto emprendedor e creativo que lles levou a lanzar as súas propias marcas de xoias, con pezas moi persoais deseñadas por elas mesmas. No caso de Ana, motivado pola paixón polas pedras e a súa formación académica en xemoloxía, que deron como resultado Je Suis by Ana Turpin, na que atopar pulseiras, aneis, colares e gargantillas con toda a enerxía dos minerais, e no de Bárbara dos seus estudos de deseño de xoias, que puxo en práctica coa creación de La Basita, con pendentes, colgantes e aneis realizados de forma artesanal en arxila polimérica, cristais recolleitos de limpezas de praias, area, cunchas e pedras semipreciosas.
Je Suis by Ana Turpin
Coñecida polos seus exitosos traballos en teatro, cinema e televisión, onde protagonizou varias series, a actriz Ana Turpin nunca esqueceu a súa faceta de xemóloga e xoieira. De aí nace Je suis by Ana Turpin, a súa liña de xoias que compaxina cos escenarios e ante as cámaras. Actualmente e tras finalizar a tempada no Teatro Nacional de Cataluña (TNC) coa obra La cresta de la ola, da súa compañía de teatro La Estampida, baixo a dirección de José Troncoso, a actriz compostelá está inmersa nos ensaios de Las hermanas de Manolete, escrita por Alicia Montesquiu e con dirección de Gabriel Olivares, cuxa estrea está prevista para o 7 de xaneiro no Teatro Fernán Gómez, mentres continúa coa exhibición en festivais da longametraxe Ama, de Julia de Paz Solvas, nomeada aos Premios Feroz e aos Goya.
De onde vén a túa relación coas xoias?
Ao entrar no bacharelato, elixín ciencias puras e a xeoloxía, xunto coa física, eran as miñas materias favoritas. O meu pai tiña moitos amigos xoieiros e, cando falaban dese mundo, eu escoitábaos, vía as súas tendas, os seus deseños, e o certo é que me gustaba o brillo que emanaba ese mundo. Decidín facerme xoieira e quería saber todo o relacionado con esa profesión. Trasladeime desde Galicia a Madrid para estudar Xemoloxía, fabricación de xoiería, deseño de xoias, microfusión, esmalte ao lume e historia da xoiería. Ao terminar a miña formación no mesmo sitio onde estudara, ofrecéronme traballar con eles e formar os alumnos de primeiro ano na fabricación de xoias, o que aceptei a cambio de recibir o curso de alta xoiería.
Durante todos eses anos de formación, para sacar un diñeiro extra traballaba facendo anuncios e campañas publicitarias. Os realizadores e directores cos que traballaba pensaban que eran actriz e animáronme a seguir por este camiño e, aínda que o gozaba moito, nunca se me pasou pola cabeza ser actriz. Pero chegou o momento de tomar unha decisión, xa que me presentei ao casting da serie Nada es para siempre para o papel protagonista, e déronmo! Xa non podía compaxinar as dúas cousas, así que decidín probar a actuación e, se me ía mal, a xoiería estaría aí agardando por min.
Como e por que creas a marca?
Despois desa serie chegaron moitas outras, tamén o cinema e, por suposto, o teatro. Despois de máis de vinte anos de carreira, podo dicir que son actriz, amo esta profesión que me ensinou tanto e que me segue regalando personaxes marabillosas para insuflarlles vida. Porén, durante este tempo de actriz a xoiería seguía na miña mente, sabía que algún día faría a miña colección de xoias, aínda que non lograba visualizar ben o concepto. O que estudara estaba moi enfocado a unha xoiería comercial e conservadora, pero a min faltábame algo.
Por outra banda, neses vinte anos como actriz empezo a practicar ioga, disciplina que practico desde entón e que alimenta o meu corpo, a miña mente e a miña alma. Descubro as enerxías dos minerais, póñome a estudar esas propiedades, os chacras, o reiki, a alquimia, a mística, o inconsciente e, sobre todo, a consciencia, e aí teño unha epifanía: xa sei o que quero facer coas miñas xoias!
Son consciente de ter entre as mans un proxecto de xoiería holística baseada na integración de moitas disciplinas e coñecementos. Así nace Je suis by Ana Turpin, unha xoiería artesanal de pezas únicas con minerais en estado puro. Despois dun arduo proceso de simplificación, condensación e redución, nace a filosofía Je suis by Ana Turpin.
Que define as túas creacións?
Je suis by Ana Turpin é o resultado de dúas disciplinas, a xoiería artesanal e a xemoloxía aplicada como coñecemento holístico das xemas. A firma Je suis by Ana Turpin adopta minerais en estado puro que conteñen toda a información enerxética necesaria para axudar a restablecer o balance natural do ser. As propiedades dos minerais xa eran coñecidas desde a antigüidade e empregábanse para a curación e a protección das persoas. A miña intención, o meu desexo, é volver difundir e transmitir este coñecemento tendo en conta a estética do deseño para que o resultado sexan pezas únicas.
Je suis significa ´Eu son` en francés. Este sinxelo pero profundo nome encerra o máis alto principio de vida. A vida consciente de si mesma.
Chegara o momento, como se dunha vida se tratase. Necesitei todo este tempo para seguir completando a miña formación e entender o concepto do que quero facer. Pero agora xa o sei e alá vou!
Cal é a túa peza preferida?
Todas son únicas e, por tanto, moi especiais. Son como os meus fillos e, como boa nai, quéroas a todos por igual.
Utilizas algunha de amuleto?
Todas as miñas pezas son unha especie de amuleto. Eu sempre digo que, cando unha clienta escolle unha delas, en realidade é o mineral o que a escolleu, xa que polo principio de resonancia as propiedades dese mineral deben ser traballadas na persoa que os leva. Por iso achego con cada peza un dossier coas propiedades enerxéticas dese mineral.
Cal é perfecta para regalar?
Aquí o mellor é “pasen e vexan”. Convido as persoas a que entren no Instagram da fima @jesuis_anaturpin ou no Facebook Je suis by Ana Turpin e a que vexan o meu universo creativo. Só espero que desfruten tanto coma min cando creo as pezas.
La Basita de Bárbara Grandío
Tras traballar en diferentes películas e series de televisión, como as galardoada Historias lamentables, de Javier Fesser, Por H o por B ou La que se avecina, en Telecinco, a actriz coruñesa Bárbara Grandío aproveitou o confinamento do pasado ano para poñer en marcha distintos proxectos que tiña en mente, como o seu estudio (@estudiobarbaragrandio), onde dá clases de interpretación, a súa produtora Planeta Bolboreta e a súa marca La Basita, á que xa lle daba voltas cando estudaba deseño e facía talleres de xoiería. Na actualidade, Bárbara compaxina o seu traballo como actriz e directora co deseño coa realización de xoias artesanais, e pronto se lle poderá ver na pequena pantalla coa nova tempada de LQSA, á vez que sorprende asiduamente coas súas novas creacións de La Basita na tenda en liña da marca.
De onde vén a túa relación co mundo da xoiería?
Son unha gran consumidora de moda en todas as súas variantes. Gústame, gozo moitísimo vendo e quixen ser parte dalgunha maneira dese mundo creando as miñas pezas con amor e respecto. Adoro a xoiería e os complementos en xeral.
Como e por que creas a marca?
Levaba moito tempo roldándome a cabeza. Hai anos empecei a experimentar e a formarme con diferentes materiais e durante o confinamento fluíu todo dunha maneira moi natural. Necesitaba un plan B para manterme ocupada e con ilusión, xa que o confinamento parou en seco o meu traballo como actriz e púxenme a traballar nos deseños. Foi así como en abril deste ano creei a tenda en liña, sobre todo para gozar desde o meu humilde taller do feito de crear coas mans pezas únicas. Eu vivo de contar historias, e con La Basita tamén o fago.
Que define as túas creacións?
Creo que son pezas sinxelas, pero contundentes. A base sempre é arxila polimérica, moi utilizada en todo o mundo para a creación de artigos de decoración e xoiería. Tamén utilizo cristais, na súa maioría recollidos de limpezas de praias, como area, cunchas, pedras semipreciosas… Vou incluíndo materiais que me gustan para darlles un toque único. Gústame que as miñas basita gang, como lles chamo ás miñas clientas, teñan algo feito de maneira artesanal, único e especial. O que máis as define quizais sexa a imperfección, a rudeza do creado á man e, á vez, a dozura e o agarimo do ouro e da prata que os acompañan.
Cal é a túa preferida?
Non teño unha preferida, uso todas a diario. O que máis me gusta delas é que se adaptan a todo tipo de estilos e de rutinas para ir a unha festa ou para vestir de xeito casual. Fan crecer calquera look, pero non son específicos para unha ocasión.
Utilizas algún amuleto?
Agora lancei uns colares e uns pendentes solidarios de cristal de murano. Eu monto as cadeas no meu taller, pero as pezas son dunha provedora que tivo que pechar durante a pandemia pola crise. A colección chámase Horta e hai un chile cun ollo turco do que non me separo.
Grazas ás vendas desta colección, somos socias da protectora de animais Os Biosbardos e tamén fixemos unha venda especial dos pendentes Plátano para enviar o 50 % do recadado coa venda á illa da Palma. Esta colección, polo seu significado, é o mellor amuleto.
Cal é perfecta para regalar?
Nestas datas temos uns packs de candea + bomba de baño e pendentes Blanche Heart estampado e textura especial que son ideais para regalar estas datas. Ou tamén para un autorregalo de coidado para unha mesma :).
Texto: Ana Iglesias // Fotografías: Javier Mantrana (Ana Turpin) / Cris Andina (Bárbara Grandío)