Aprender costura, patronaxe, encargar a roupa á medida e pasar un bo momento. Iso é o que ofrece La Tarlatana, o novo proxecto de Miriam Luaces que abriu as súas portas en setembro na Coruña con todo o horario de clases completo, un sinal de que a escola taller botaba a andar polo camiño correcto. Pero tendo en conta que non é, nin moito menos, o único centro de ensino de corte e confección que se abriu en Galicia nos últimos anos, nin o único que empezou o curso sen prazas, está claro que o rexurdir desta actividade está máis que constatado.

Algo que non pilla por sorpresa a propia Miriam, que levaba moitos anos traballando como profesora nunha escola local antes de animarse a emprender o seu propio proxecto, “con poucas axudas, pero con moitísima ilusión” e, sobre todo, co apoio de moitas amigas e exalumnas que a estiveron animando desde hai tempo.

Colaboradora habitual de deseñadores e firmas como De los Aires, Miriam abriu en setembro La Tarlatana tras atopar no centro da cidade herculina o local perfecto para poñer en práctica a súa idea, “unha escola e taller téxtil no que aprender o oficio facendo cada unha as súas propias creacións, pero tamén onde encargar pezas marabillosas e pasalo ben”.

Decorado para converterse nunha “segunda casa”, as persoas que asisten aos diferentes cursos aseguran sentirse “en familia” e gozar moito das horas que lle dedican a esta actividade, que ademais resulta ser moi práctica porque a maioría aprovéitaa para confeccionar pezas de roupa para elas mesmas ou para os seus achegados.

Miriam di que “non importa o nivel, só as ganas de aprender, porque aquí ensinamos desde o básico ata elaborar calquera modelo”, e as súas expectativas víronse cumpridas sobradamente desde que anunciou a mediados de agosto os horarios, con moitas quendas cubertas en poucos días, o que lle fixo ampliar as horas de formación para poder ofertar máis prazas.

Ademais, a súa intención é ir sumando pouco a pouco novas actividades relacionadas, e para mostra a primeira colaboración coa que inaugurou o curso, clases de bordado ao aire, unha técnica ancestral que mestura tradición e innovación para crear pasamanerías e xoias a base de cordón de soutache e abelorios de cristal, e que será impartida por Zeltia ao Aire. Agora só queda gozar do tempo entre tesoiras, patróns e costuras.

La Tarlatana – C/Wenceslao Fernández Flórez 4, bajo B. A Coruña

@latarlatana.escuelataller

Texto:  Ana Iglesias // Fotografías: Bruno Rodríguez (@brod_a_secas) // Vídeo: Sabela Freire // Agradecementos: Sara Vázquez, Verónica González, Silvia Sánchez, Alba Gil e Pelusa Piñón.