Percorrer a Ruta Xacobea é unha das experiencias máis incribles que hai. Constátano os millóns de peregrinos que o fixeron e confírmao a coñecida actriz, cómica e presentadora Sara Escudero, que o fixo en 2016 acompañada pola súa cadela Nala. Ambas cóntano no último libro da comunicadora, El caNino  de Santiago, no que Nala narra as etapas da peregrinación, con ilustracións de Pedro Fernández, e Sara as do camiño da vida dunha persoa coa súa mascota, salpicado por fotografías do seu álbum  persoal. O resultado é un manual de emocións, un libro para todos os públicos “cheo de amor e de humor”.

SEMPRE QUIXEN FACER O CAMIÑO, era algo que intuía que me ía gustar e sentar ben, o que non sabía era canto! E, cando en 2007 naceu Nala e veu á miña vida, non nos separamos. Eu non fun a ningún lugar a onde non puidese ir con ela, así que nunca pensei facelo sen ela.

FOI A NOSA PRIMEIRA VIAXE DE MOZAS. Quería facelo antes, cando Nala era máis pequena, pero por traballo foi imposible. Cóntao Nala no libro, cada vez que queriamos facelo, saíame un traballo. Murphy á espreita! (jeje). E pasaron os anos e logo entrei xa na tele, en Zapeando, e ata xullo de 2016 foime imposible. Foi marabilloso. A experiencia é un agasallo da vida. Todo o mundo debería poder facelo polo menos unha vez. É vivir o día a día centrándote niso, en avanzalo, en vivilo, en ESTAR.

HAI BASTANTES DIFICULTADES PARA FACELO, pero non polos animais, porque iso é cero problema, senón porque seguen sendo a inmensa minoría os aloxamentos que os admiten, aínda que iso estea a mellorar cos anos.

FACELO COA SÚA COMPAÑÍA SUPONO TODO. Eu non concibo a vida sen animais. Nala foi e será sempre o meu álter ego de catro patas, aínda que moita xente poida non entendelo. Así que vivir un Camiño de Santiago as dúas foi maxia.

AOS QUE FAN A RUTA CON CANS RECOMENDARÍALLES que aplicasen sentido común. Parece unha parvada, pero o primeiro é saber se están afeitos a facer exercicio. Se é así, non terán problema, pero se non deberían ser adestrados antes de facelo porque será duro para as súas almofadas dixitais e para as súas ganas. Se están afeitos, só hai que darlles boa comida en cada parada, moita auga cando a pidan e unha boa masaxe ao acabar cada etapa, que é como a nosa ducha e ración de aloumiños despois de cada camiñada.

ESCRIBÍN ESTE LIBRO PORQUE QUERÍA COMPARTIR A EXPERIENCIA. Foi marabillosa e recibín unha barbaridade de mensaxes nas redes de xente que non podía facelo por diferentes motivos e dicíanme que sentían que o estaban facendo connosco. 

NARRAR AS DÚAS HISTORIAS EN PARALELO ten sentido para min, porque o Camiño é unha  metáfora da vida; quen o fai, sente. E El caNino  de Santiago pretende ampliar esa metáfora e estendela tamén ao teu camiño de vida cos teus cans. Por iso, as primeiras partes dos capítulos contadas por Nala levan ilustracións do meu amigo Pedro Fernández, e as que narro eu, esas caras B, levan fotos reais nosas. É dicir, o can vai a corazón aberto. 

VAI DIRIXIDO A TODOS OS PÚBLICOS. Os máis pequenos quedarán cunhas cousas e os maiores con outras. Non é unha guía do Camiño, nin unha novela nin un manual do peregrino. É un conto-libro, unha historia chea de amor e de humor.

CO LIBRO GUSTARÍAME ABRIR OS CORAZÓNS e axudarlles ás persoas a que viaxen coa imaxinación e a que perdan medos. Espero que libere, que axude, que abra os ollos para deixar de ver os cans como cousas, e cambiar o “teño” polo “vivo con”. A un can non se lle ten agarimo, ámaselle. Punto. O amor non entende de especies.

 

Á MARXE

“A Xunta deunos a man nesta aventura e no verán volverei ao Camiño para facer varias presentacións por Galicia, unha terra que me ten namorada”.

“Agora estou en Onda Cero con Jaime Cantizano e Alsina. Todas as semanas teño actuacións en teatros como monologuista e eventos de empresa como mestra de cerimonias, e estou a escribir unha curta nova”.

“Son humorista e actriz e, froito de dedicarme a iso,  escribín os primeiros libros. En todos está a miña esencia, a miña maneira de expresarme/pensar/sentir. E en El caNino  de Santiago tamén, as partes que narra Nala teñen moita diversión, mesmo toques de ficción, e as miñas, sen deixar dun lado a miña maneira de falar, sacan tamén outros matices máis emocionais”.