Convertido en estudio de cinema, o Camiño de Santiago uniu por primeira vez nunha serie a Sabela Arán, María Mera e Cris Iglesias. Elas son os tres rostros galegos da aclamada 3 Camiños, un traballo que lles levou a rodar tras a pandemia en Samos, “un sitio fermosísimo, con localizacións naturais moi bonitas”, tras o parón da pandemia e a compartir risas e anécdotas, moitas delas relacionadas coa etapa de lactación de María co seu segundo bebé.

Como foi a experiencia de rodar 3 Caminos?

(Sabela) Brindoume a oportunidade de traballar con Cris e María, que xa lles tiña moitas ganas, e por outra banda, co resto do elenco protagonista, compañeiros de 10; tamén me permitiu visitar lugares fantásticos. Foi unha experiencia curta pero intensa.

(María) Recórdoa divertidísima por coincidir con elas, repetiría hoxe mesmo!. Paseino moi ben e teño recordos moi chulos, de sitios espectaculares e dun equipo marabilloso.

(Cris) Estivemos moi a gusto, moi ben acollidas polo equipo artístico e técnico, e foi un gustazo compartir isto con eles. Tivemos momentazos moi guays.

Que destacariades dos vosos personaxes?

(Sabela) É unha moza coa que todos podemos identificarnos nas nosas cuadrillas. Tanto o meu papel como o de María ou Cris son amigas leais entre elas, que darían o que fóra as unas polas outras. A amizade honesta é o que as caracteriza.

(María) Foi como volver un pouco á adolescencia. Pasámolo moi ben e xeramos unha enerxía moi bonita aos personaxes.

Coincidirades algunha vez traballando xuntas?

(María) Aínda que nos coñecemos de sempre, nunca traballásemos xuntas antes; houbo moito feeling e moita conexión.

As mellores anécdotas da rodaxe.

(María) Lembro unha escena cantando á beira do río, correndo xuntas da man; foi a secuencia na que máis rin, porque acabamos todos uns encima doutros, e o pelo de Cris enganchado no cinto de Sabela, foi unha risa tremenda. Tamén resultaba moi curioso cada vez que sacaba o meu sacaleites na caravana. A conciliación é difícil, e eu nas rodaxes tento facelo todo o máis natural posible. Uns saen a fumar, outros a pasear… pois eu a sacar teta e non pasa nada. En 3 Caminos déronme todas as facilidades do mundo e o equipo foi marabilloso.

(Sabela) Grazas a María aprendemos unha chea do mundo da lactación maternal. O seu sacaleites foi un compañeiro máis ( jajaja).

(Cris) Para min foi moi divertido, porque era a primeira vez que compartía traballo cunha nai recentemente parida e vivín a conciliación real, ver o proceso de lactación de María, coa súa sacaleites, repasando textos e facendo un esforzo incrible por conciliar traballo e maternidade.

 

Fixestes algunha vez o Camiño de Santiago?

(Sabela) Fixen pequenos tramos cando era nena, co cole e con algún campamento. Parece mentira que sendo de Santiago non mo tomou en serio, pero xa sabemos que en casa de ferreiro… Iso non quita que morra de ganas. Ademais, quero facelo ben, cunha pequena cuadrilla de amigxs e de lonxe. Pero dadas as circunstancias… xa veremos cando!

(María) Eu nunca o fixen, pero encantaríame. Fáloo moitas veces co meu marido, que nos gustaría facelo en familia, os catro xuntos, cando as nenas crezan.

(Cris) Eu tampouco o fixen, aínda que son moi de facer roteiros por Galicia, pero de fin de semana e en días soltos. Aínda que sei que o farei; creo que temos todo por descubrir de Galicia e teño moitas ganas de vivir a experiencia.

Texto: Ana Iglesias // Foto portada: Bruno Rodríguez // Fotografías: Cedidas