“Encantaríame dicir que escribo por vocación, que saboreo as palabras, que as reforzo e as coloco esperando obter no lector unha reacción concreta e que, cando esta se produce, me sinto compracida e satisfeita. Encantaríame dicir que son unha escritora metódica e organizada, pero non o son. Para min, e supoño que para tantos outros, escribir é máis unha necesidade ca un pracer, unha especie de terapia que me permite non volverme completamente tola.

Non son capaz de lembrar que foi o primeiro que escribín. Probablemente fose un conto breve protagonizado polos meus amigos e por min mesma. Ou pode que fose un poema, quen sabe. Si recordo, con todo, a marabillosa sensación de ler algún dos meus contos na clase e como as miñas compañeiras aplaudían e rían. Tamén lembro escribir algún poema que me salvou de afundirme nese mar escuro e tenebroso que é a adolescencia, e mesmo un relato breve que me fixo sentir, por primeira vez, orgullosa. 

Así que escribir sempre foi unha parte de min, como as pencas do meu nariz ou a miña teima de morder o beizo cando estou nerviosa. Pero publicar, iso… iso estivo na ecuación cando era nova, pero deixou de estalo cando comecei a dedicarme a tempo completo ao xornalismo. E, porén, aquí estamos, o meu eu presuntamente adulto e o primeiro libro que publico baixo o meu propio nome. Un poemario que é, probablemente, bastante máis visceral ca íntimo e bastante máis persoal ca necesario. Pero aquí estamos. 

Tomar a decisión de publicar foi difícil. De feito, crin que sería o máis difícil do proceso, porque escribilo foi sinxelo, necesario, algo feito coas tripas e sen pensamento ningún, e recompilalo foi algo natural, case premeditado. Crin, xa digo, que decidirme a publicar sería o difícil. Pero equivocábame. O difícil chegou logo, cando a certeza de que o texto estaba xa na rúa me arroiou coma un tren de mercadorías. Unha parte de min —non todo, poida que non o importante, pero eu, á fin e ao cabo—, espida e desvalida, exposta. Mostrándolle ao mundo o flanco débil. E non, non me arrepinto”. 

 

Os meus libros de cabeceira 

En xeral, Stephen King e, en particular, El Resplandor e It, dúas novelas absolutamente magníficas. E La Historia de Lisey, unha marabilla tamén. Son novelas evasivas, que te enganchan, con tramas estupendas e tan ben construídas que é imposible escapar delas.

Nuestra parte de noche, de Mariana Enríquez. Esta novela foi o impacto máis grande en canto a sorpresas lectoras en moitos anos para min. Escura, con personaxes complexos e cheos de matices e arestas, rozando o realismo máxico clásico da escola iberoamericana… paréceme imprescindible.

1Q84, de Murakami. Este libro é toda unha obra de arte, unha mestura única de aventuras, realismo máxico e romanticismo, que me mantivo enganchada e en vela durante moitas noites.

BONUS TRACK: Alex, de Pierre Lemaitre. Lemaitre é un xenio literario incomparable, que é quen de flutuar de xénero sen inmutarse. Pero, como seguidora confesa da novela negra, non podo deixar de recomendar Alex, parte da saga do comandante Camille Verhoeven, probablemente un dos personaxes mellor construídos do xénero. Esta novela é tan sorprendente coma escura.