Denis Gómez

0
Foi Mauricio en Cuéntame cómo pasó, Bernabé en El sabor de las margaritas ou Roque Noguerol en Niebla. Denis Gómez (A Coruña, 1978). É un dos actores galegos máis coñecidos e cun grande amor á interpretación, o que o levou a participar nalgunhas das series máis coñecidas da televisión e a percorrer os escenarios de toda España. Cun proxecto no Teatro Español, interrompido polo coronavirus, e un flamante nomeamento aos Premios María Casares polo seu papel en Karelu, Denis acaba de retomar a rodaxe da segunda parte de El vecino para Netflix, onde dá vida a Litos.

 

Estiveches en series como Amar en tiempos revueltos ou Seis hermanas. Como foi volver a TVE con Niebla?

A serie foi unha experiencia brutal en todos os sentidos. Foi súper intensa, moi dura e moi esixente a todos os niveis, aínda que afortunadamente estivemos arroupados por unha boa produción e dirección. Ademais, agora colleron o bo vicio de rodar en escenarios naturais exteriores, co marabilloso que é, pero tamén cos hándicaps que ten, xa que resulta máis complicado. Por outra banda, a historia era moi dura e tiña que estar moi concentrado en todas as secuencias, pero creo que valeu moito a pena, e estou moi contento co resultado.

Era un papel secundario cun gran peso

Si, e é atípico nas series españolas que os personaxes secundarios teñan tanto peso na trama, pero realmente Niebla é moi coral, todos os personaxes tiñamos que estar por algo.

Tamén foi moi encomiado o teu papel de Bernabé en El sabor de las margaritas, que está a ter un grande éxito no eido internacional.

Bernabé é deses papeis que dá para lucirte, é moi agradecido. Sabía que a xente se ía fixar nel se non se complicaba moito e, aínda que me dá un pouco de pudor, teño que dicir que nalgunha escena na que había figurantes tratábanme como se eu non fose actor, senón como se fose realmente como era o meu personaxe. Tiña que compoñer un personaxe cunha distancia física á que teño eu, sen me pasar da raia, con prudencia e agarimo, un personaxe tremendo que vive cousas moi tremendas. Para min era un papel comprometido e moi esixente, pero tiña claro desde o principio que ía ser gratificante e moi duro.

Es un dos nomeados aos Premios María Casares polo teu traballo en Karelu. Como viviches o nomeamento?

Con moita ilusión, a verdade, porque é un nomeamento dos compañeiros de traballo, e iso en si xa é marabilloso. Pero tamén por ser coa compañía de teatro Os Náufragos, que é coa que levo toda a vida, e con Gustavo del Río, que é o meu veciño. O nomeamento é un pouco de todos.

Que che achega o teatro?

Encántame. Aínda que non che dea visibilidade, desde o punto de vista persoal é moi gratificante. Tes o feedback do público in situ, e as historias adoitan ser historias coas que comprometes máis. É moi tentador facer un papel e ser coñecido polas masas, pero creo que o actor ten que ser un todoterreo en todos os sentidos, e manexarse en diferentes medios e xéneros.

Como elixes os teus traballos?

En teatro, elixo os papeis pola historia e as persoas que están no proxecto porque son procesos de traballo longos e intensos, que implican compartir moitas horas e moitas experiencias, polo que buscas equipos nos que encaixes, ademais de que a historia que vas contar che guste. Nunha serie ou no cinema, inflúenme máis as maneiras de facelo e a historia. O guión sempre é fundamental en ambos os casos.

E o equipo?

Nathalie Poza dicía que un actor debe estar preparado para traballar con xenios, e creo que ten razón. Os actores debemos ser dúctiles para poder traballar co resto do equipo, hai que saber acomodarse aos compañeiros, aos técnicos e ao director.

Tamén fixeches varias incursións no cinema.

Si, o primeiro que fixen foi Os luns ao sol, de Fernando León de Aranoa. Díxenme, “de aquí para abaixo”, e así foi, porque estiven dous anos sen traballar e paseino mal! (ri). Era un rapaz e non cría que puidese estar a dicir unhas frases con Bardem e Tosar na pantalla grande. Foi moi bo.

E a experiencia de entrar nunha serie tan consolidada como Cuéntame?

Levan tantos anos que son como unha gran familia, e ti entras nela e tes que facer o teu oco. Foron moi xenerosos comigo. Case sempre traballei con Ricardo Gómez e Elena Rivera, e foi unha grande experiencia. Lembro facer unha secuencia con 39 de febre, con Echanove e Imanol Arias, na que daba un discurso sobre as baleas. E, ao acabar, Imanol, que é moi vehemente, saíu pedindo un aplauso para min por facer un speech á primeira. Fun para a casa co peito inchado e moi feliz.

Hai alguén con quen che faga especial ilusión traballar?

Gustaríame traballar con xente maior, como José Sancristán ou Concha Cueto, que aínda están en activo, aínda que traballan menos. E tamén con Ángela Molina.

E algún proxecto no que che gustaría estar?

Encantoume participar na serie Patria en HBO sobre o libro de Aramburu, pero en xeral gústame todo o que teña que ver cunha comedia intelixente, fiada desde un punto de vista intelectual, e se pode ser un pouco absurda mellor que mellor. Encántame.

 En que andas metido agora, tras o parón pola crise sanitaria?

Estou en plena gravación da segunda tempada de El vecino para Netflix, esta vez dirixida por Ernesto Sevilla. O proceso está a ser complicado, pero máis agradable do que pensabamos nun principio. Absolutamente todos os técnicos teñen que levar máscara e lentes protectoras e manter a distancia dentro das posibilidades. Os actores só podemos interactuar entre nós sen protección en pleno momento da gravación e, se non estamos no estudio, debemos estar nun camerino individual e hixienizado. Levamos unhas máscaras cun pau estilo veneciano moi curiosas, xa que doutra maneira o traballo de caracterización estragaríase. A pesar de todos estes prolegómenos, estamos a levalo ben. Fomos dos primeiros, senón o primeiro, dos proxectos en arrincar. Había moita expectativa e a nosa actuación tiña que ser exemplar. Para nós, como actores, foi unha sorte poder acceder tan rápido a un mundo laboral xa de seu moi complicado.

Tiñas previsto empezar a ensaiar co Teatro Español cando comezou a crise sanitaria. En que punto está este proxecto?

Empezarei pronto cos ensaios de J’attendrai, dirixido por Emilio del Valle, cuxa estrea estaba prevista nas Naves do Teatro Español de Madrid para xuño e que se viu posposto ata o 3 de decembro. De novo teño que sentirme agradecido, xa que moitos compañeiros de teatro viron como caían moitos dos seus bolos, dado que todas ou moitas das funcións previstas polas compañías de teatro medianas desapareceron das axendas culturais da maioría dos concellos. E hei de dicir que iso si o sufrín coa miña compañía habitual, Os Náufragos, onde a covid-19 nos fixo bastante mal.

Como levaches esta etapa de confinamento?

Persoalmente, imaxino que o levei como a maioría das persoas que tiveron a sorte de non ver afectadas ningunha das súas persoas próximas. Día tras día, mesturábanse inquietude, enfado, unha tranquilidade un tanto autoforzada e, por momentos, escepticismo. Como a maioría, tamén, aproveitei para deixarme levar por un mundo anacoreta que sempre anhelei en momentos de tensión e que eses días, con todo, me chegou a pesar. Tratei de ter a mente en activo estudando idiomas e vendo moitas películas. Iso si, non fixen pan e lin apenas un dos cen libros que pensei que lería!

Conclusión?

Sabendo que, como dicía Rosa María Sardá, isto non nos vai cambiar, nin imos ver a luz do que as nosas vidas teñen que ser, si é certo que o feito de saír da roda do hámster axuda a distanciarse das cousas ás que se cadra lles damos demasiada importancia. Creo, de todos os xeitos, que o impacto do que isto supuxo, ou por desgraza do que aínda pode supoñer, aínda está por ver.

Moi persoal

  • Escoito de todo e moito, pero sen dúbida o meu grupo favorito é The Smiths.
  • O meu libro preferido é 2666, de Roberto Bolaño.
  • Encántame comer ovos e alcachofas en todas as súas versións.
  • Gústanme as cidades industriais que se souberon reinventar, como Bilbao ou Rotterdam. E, para vivir, O Porto.
  • O meu agasallo de infancia favorito foi un peluche moi feo dun mono, era tan feo que lle collín moito cariño.