Comezou xogando ao balonmán, facendo os seus primeiros pasos no mundo da moda e presentando programas de televisión. O seu forte son os monólogos, cos que se deu a coñecer no eido nacional en El club del chiste, e o seu lado cómico fíxoo triunfar en series como Gym Toni e en programas como Zapeando. Descuberta a súa faceta musical en Tu cara me suena e La mejor canción jamás cantada, David Amor (Pontevedra, 1980, “curioso” e “desfrutón”, como el mesmo se define) agarda unha oportunidade para demostrar tamén o seu rexistro dramático.

— Levas meses en Zapeando, na Sexta e en La mejor canción jamás cantada en TVE1. Como foi a experiencia?
Empecei o pasado verán facendo unha substitución en Zapeando e tiña algunha dúbida, porque é un clásico da grella e supoñía subir ao carro dun espazo que estaba moi rodado, pero foi moi ben e está a ser moi divertido. E cando me chamaron para colaborar en La mejor canción jamás cantada fíxome moita ilusión porque implicaba traballar con Roberto Leal e volver facelo con Gestmusic, do que xa coñecía a parte do seu equipo e cos que estou moi a gusto. Ambos son programas cómodos porque son en directo —falos e listo— e podía compaxinalos.

— Modelo, deportista, presentador, monologuista, actor… Como se combina todo iso?
O de modelo é unha anécdota no currículo e o do xogador de balonmán foi unha constante na miña vida ata o ano pasado. De feito, estaba a facer un programa de karaoke en TVG e deixeino cando me ficharon da Sociedad Deportiva Teucro, coa que estiven dúas tempadas competindo en primeira división. Á tele levoume a curiosidade, porque son moi curioso para todo. Empecei presentándome a castings para ver como funcionaba o medio por dentro e aprender algo novo, e o caso é que terminou por converterse na miña forma de vida.

— O punto de inflexión da túa carreira foi El club del chiste?
Sen dúbida. Levaba uns dez anos traballando en TVG, pero sen ter un rumbo fixo. Facía cousas, pero non era coñecido, e cando fixen o casting para El club del chiste en Antena 3 abríronseme as portas en Madrid. Ademais, nese programa de monólogos había unha parte que contaba a historia entre bambolinas e que se gravaba como se fose unha serie.
Aquilo gustoume moitísimo e souben que era o que realmente quería facer. Tiña a idea de que se facías entretemento non facías series, así que ao acabar tomei un pouco de distancia e estiven tres anos sen traballar en televisión, esperando que me chegase unha oportunidade.
— E apareceu Gym Tony.
Si, e foi unha grandísima oportunidade, porque supuxo estar nunha serie diaria na grella.
Estiven tres tempadas, deume a coñecer e paseino moi ben aprendendo moito, cun personaxe que acabou sendo o protagonista e gozando con outros compañeiros. E tamén me abriu as portas a outras series como Augas quentes ou Vidago Palace.

— Vímoste tamén conducindo o teu propio late night, Con amor e compañía, na TVG. 
É outro rexistro. Durante toda a miña carreira fora puntualmente mestre de cerimonias e condutor de eventos e cría que era o momento de facer ese programa. Coincidiume nunha etapa na que estaba aínda gravando en Madrid cunha xira de teatro e tiven que sacrificar moitas cousas, pero quería facelo porque me apetecía moito probar ese
formato. Foi unha grande aprendizaxe para min e fun moi feliz, aínda que a nivel de saúde persoal recoñezo que estiven ao límite porque non tiña tempo para nada. Estaba sempre viaxando e necesitaba descansar. Gústame moitísimo todo o que fago e facer cousas tan distintas é un estímulo, pero foi unha época demasiado intensa.
— Amigos ata a morte, de Javier Veiga, foi a túa primeira experiencia teatral e tamén foi un rotundo éxito.
Foi o máis bonito da miña carreira por moitas cousas, aínda que a min gústame todo o que fago e trato de facer de todo, poñéndolle moito cariño a cada proxecto e crecendo persoal e profesionalmente.

— Como foi a experiencia de Tu cara me suena?
É unha televisión amable que me gusta moito facer, con xente pasándoo ben e na que me sinto moi cómodo. Eu ía mentalizado para divertirme, aínda que cantar me daba certo pudor. Tocoume unha edición moi boa, de xente moi profesional e gocei moito por todo.
Ademais, traballar con Gestmusic é marabilloso porque te coidan moito, impórtalles que o equipo estea ben e poñen moito agarimo nos proxectos. Cando se acaba un proxecto así, bótalo de menos.

— Cales foron os teus mellores momentos nel?

Houbo moitísimos. Saír por primeira vez, un no que quedei en branco cando xa ía no ascensor, que é algo que non me pasou xamais, ou cando fixemos de Milli Vanilli David Fernández e mais eu. Foi marabilloso, preparámolo moito e quedou fatal (jajaja). Tamén a despedida, cantando My way cos meus compañeiros. Non sei, hai moitos momentos. Eu
son moi “desfrutón”.

 

https://www.youtube.com/watch?v=u65B5aULmfI&t=5s

— E en que medio gozas máis?
En todos, aínda que feliz cento por cento sono presentando os meus monólogos, porque son meus e fágoos como quero. É felicidade plena. Pero tamén houbo moitos traballos nos que fun moi feliz.
— Probaches tamén no cinema. Que che pareceu?
Fixen un cameo en Paella Today e agradézollo moito a César Sabater, pero non diría que fixen cinema. Non me chaman, aínda que me encantaría porque me atrae moito, pero non
teño nin opción a facer un casting para unha película.
— Que che gustaría que aparecese agora na túa axenda profesional?
Apetéceme moito facer unha serie que non sexa comedia. Mesmo estou a dicir que non a algunhas cousas esperando a miña oportunidade para facer un papel cun rexistro diferente ao que xa fixen ata agora.

Próxima cita en Galicia.
Encontro Mundial de Humorismo. A Coruña, entre o 13 e o 19 de maio.

Moi persoal
Escoito de todo. A miña música preferida é calquera canción que canten Xabier Díaz e Guadi Galego”.
Na lectura son de impulsos. Houbo unha época en que lía moitas biografías, Frank Sinatra, Freddy Mercury… Agora estou con libros que tiña pendentes, os últimos de Manel Loureiro, Eduardo Mendoza e Juan Tallón, que me gustan moito”.
“A miña comida favorita é calquera que estea preparada pola miña nai. Os sabores da infancia que tes na cabeza son difíciles de superar”.

A cidade que máis me gusta é Pontevedra, é a máis humana que coñezo, a máis coherente e a que dá mellor calidade de vida”.
“Calquera bobada cun significado especial é o mellor agasallo. Seguro que se paseo polo meu cuarto se me ocorren moitos. Todos me parecen ben, menos os vales de
compra de Zara, aínda que eu tamén os teño regalado con moito agarimo”.

Estilismo: Ángel Nimo
Maquillaxe: Marta Arnoso
Localización: NH Collection

Texto. Ana Iglesias
Foto. Sue Rainbow
Vídeo. Iria Martínez

 

 

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here