Inmerso no derradeiro tramo da Ruta Xacobea do Mar de Arousa, xusto antes de entroncar co Camiño Portugués, o concello de Dodro, dada a súa gran riqueza natural, aposta por un modelo de desenvolvemento local sostible, traballando con iniciativas de xestión da biomasa, prevención de incendios forestais e recollida selectiva de residuos.

Neste mesmo senso, elaborou recentemente un Plan de Mobilidade Sostible, para impulsar unha estratexia de mobilidade con criterios de sustentabilidade, e aprobou o Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sostible, co compromiso de reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro nun 40 % antes de 2030.

Nese forte compromiso co medio ambiente e o desenvolvemento sostible, xorde Dodro Sostible, un proxecto de educación e sensibilización ambiental no que se levarán a cabo actividades para atraer a atención sobre os problemas do medio e concienciar á poboación sobre a importancia da súa protección e conservación, poñendo en valor, ao mesmo tempo, os recursos naturais locais. 

Dodro conta con zonas de alto valor ecolóxico a dinamizar e protexer como “As Brañas de Laíño”, unha das zonas húmidas máis importantes de Galicia, que albergan unha riqueza ambiental de primeira magnitude e que están protexidas pola Rede Natura 2000. 

Por iso, a educación e sensibilización ambiental é un dos obxectivos do goberno local cara ao futuro, tanto para os veciños como para todos aqueles que se acheguen ao municipio.