Sobre as once da mañá do 11 de xuño na Praza do Obradoiro a xente miraba cauta cara o ceo. Era a hora marcada para o eclipse, e Galicia presentábase como o mellor punto para divisalo. No corazón de Compostela, fronte á súa impoñente Catedral, fotógrafos e peregrinos mesturábanse coas súas cámaras nas mans e os sorrisos tras as máscaras. Nese momento saía o alcalde do Pazo de Raxoi para asistir á cita concertada. Xosé Sánchez Bugallo regresou a alcaldía dous anos atrás sen imaxinar que algún día poría os seus pés nun baleiro Obradoiro. 

Ao alcalde pasoulle durante os peores meses da pandemia unha sensación similar á que invade aos estudantes que, tras cuarto de carreira, permanecen na cidade sen a rutina das clases e as cañas cos amigos. Os que a viviron saberán recoñecela. “Estamos afeitos a unha cidade pletórica de vida, con moita xente nas rúas, xente moza, estudantes, moita variedade… e vivimos unha etapa totalmente distinta”, conta ao recordar entre risos que o ata o atasco que viviu hai uns días lle pareceu reconfortante. “Era a festa do comercio, e non é que me parezan bos os atascos, pero nese momento puntual foi un alivio, un síntoma de recuperación”.

A compás do verán que chama á porta, Compostela vive estes días un soleado despertar no que o Xacobeo é máis que unha palabra que acapara titulares, e preséntase como vital para o futuro económico. “Está aí desde hai case 900 anos pero este ano é especial. O último antecedente dunha situación tan extraordinaria témolo na gripe de 1918. Estamos xa traballando en facer que a prórroga Xacobea sexa moi potente despois duns meses nos que houbo que priorizar as axudas aos sectores máis afectados pola pandemia”, promete con esperanzas o alcalde. 

Coa porta aberta a todos eses turistas que enchían as rúas do Franco e aos peregrinos que creaban os seus propios cantos de taberna, a óptica dun picheleiro coma el invita a coñecer Compostela ao outro lado do espello, lema presentado na cita de Fitur deste ano. A ese outro lado, máis alá da sombra da Catedral e das rúas sinaladas en vermello no mapa turístico, está unha cidade de pedra, choiva e calor abafante nos meses de verán que esconde o encanto da rúa de San Pedro ou do parque de Belvís. Para Xosé Bugallo eses son algúns dos seus lugares predilectos, aos que suma o barrio de Sar e os seus adorados paseos ao carón dos ríos aos que lle escribía Rosalía.

“Hai todo un mundo por descubrir en Compostela máis alá do casco histórico. Os paseos fluviais, o río Tambre, que é un recurso que hai que poñer en valor, o extraordinario Pedroso, a ruta do Banquete de Conxo, a nova ruta perimetral de máis de 30 kilómetros, que invito a descubrir. Tamén parroquias como Grixoa, espectacular e absolutamente descoñecida. E os diferentes Camiños, dos que os meus favoritos son o de Fisterra ou a ruta da Prata, tamén as paisaxes que deixa o Inglés cando chega xa ao Tambre” cita o alcalde na composición desa outra Compostela.

No relato sobre o seu rueiro particular, destacan os recunchos que compoñen os seus recordos de infancia, e nos que entre trasnadas medrou ata chegar á etapa universitaria. Cos seus amigos de La Salle, Xosé Bugallo xogaba pachangas diarias convertendo a Quintana no seu particular campo de fútbol. Algo que lles custou máis dunha pelexa cos axentes municipais, que lles confiscaban ou rachaban os balóns coa navalla. Preguntado por se imitou a Ronaldinho con algún dos elementos da Catedral, prefire non responder e certifica que, neste caso, o que cala si outorga. “Pero teño que dicir que está prescrito e podo alegar que tiña 11-12 anos nese momento, era menor”, confesa entre risos. Síntese tamén culpable das barras metálicas con ganchos que lle impedían subir aos tellados do templo, e non descarta a idea de que se colocasen polas tantas veces que cos amigos quixo divisar a cidade desde o alto. 

Na Compostela do espello de infancia de Bugallo tamén están o parque de Galeras, o Eugenio Granell, as Brañas de Sar ou a rúa de Xelmírez, pola que baixaba a toda velocidade montado nun carriño con rodamentos de bolas con tino de non topar coa fonte de Praterías ao facer a curva. A diversión infantil en todos eses lugares deixou despois lugar a unha etapa que viviu coma tantos universitarios, con ansias de liberdade, e con agradecemento a uns pais que lla concederon. A responsabilidade política chegaría despois, materializada agora en converter Compostela en polo cultural e industrial, máis alá do gran vínculo ao turismo: en dar cabida a outras realidades a ese outro lado do espello.