Fermosas praias, natureza agreste, paseos, monumentos e, sobre todo, recunchos repletos de maxia, historia e beleza conforman a gran oferta turística do concello de Cervo.

Situado nas Rías Altas e bañado polo Cantábrico, destaca a localidade de San Ciprián, a chamada Península da Paz,  nunha zona de tranquilos areais de area fina e augas cristalinas; e o porto pesqueiro, onde nos séculos XIV e XV se construían carabelas e permanecía activa unha fábrica de salgadura. Ademais, dende a Atalaia, aparece no horizonte as Illas dos Farallóns, berce da lenda da Maruxaina. 

En Cervo, capitalidade do municipio, sobresae o casco antigo, onde se levan a cabo multitude de actos, coma o Mercado Tradicional ou a xa consolidada Queimada Popular, de Interese Turístico Galego.

Outra das visitas obrigadas é o Parque Natural de Sargadelos, ao que se pode acceder mediante un agradable paseo polo Camiño Real. Nel, as suxestivas paisaxes invaden a vista do tranquilo verdor, destacando o Conxunto Histórico Artístico, cos restos das Antigas Fundicións e Fábricas de Louza, fundadas por Antonio Raimundo Ibáñez, Marqués de Sargadelos, no século XVIII.