Situado no corazón da Ribeira Sacra lucense, o concello de Carballedo conta cun variado e rico patrimonio natural e paisaxístico, dentro dun territorio cun marcado perfil de montaña. Localizado entre dous puntos icónicos da comunidade como a serra do Faro e o encoro dos Peares, pola súa xeografía atravesan dous grandes ríos, o Bubal e o Miño.

Esta diversidade é perfecta para desfrutar da natureza recorrendo os seus vieiros, os cales tamén forman parte dunha das etapas máis longas do Camiño do Norte. Nesas rutas, como a da Fervenza de Fondós (a cal recibe o seu nome polo impresionante salto de auga que presenta o curso fluvial neste punto), o visitante pode gozar da tranquilidade dunha zona limpa, así como dunhas vistas espectaculares da comarca.

A maiores, o municipio garda tamén dentro desta paisaxe natural un importante patrimonio histórico, destacando as igrexas-mosteiros románicas de San Xoán da Cova e de Santo Estevo de Chouzán, dúas mostras de vestixios medievais que se conservan en perfecto estado. Do mesmo xeito, tamén se preservan restos castrenses deixados polos celtas tralo seu asentamento no século VIII, coma o Castro de Morgade

E, como non, Carballedo tamén ofrece unha magnífica gastronomía, xa que o sector primario é a base da súa economía, sendo moi popular a súa Festa da Carne ao Caldeiro e Produtos Locais, que se celebra no mes de abril.