Formado na EASD Mestre Mateo e, tras pasar por varios estudos de decoración, o interiorista Rafa Espiña abriu en 2010 estudiotreintaiuno, dedicado á reforma e ao deseño de locais de hostalería, comercio e fogar. Seus son os deseños de Pepe Paiá, Peluquería Bernardo Nogueira, Casa Aurelio ou o pub Kiev de Viveiro, ao que considera “un punto de inflexión na miña traxectoria, porque tiven liberdade total para facer unha proposta arriscada e resultou moi rompedor”.

Cun selo de identidade moi marcado, baseado no uso de metais e madeira como materiais recorrentes, na distribución de espazos e na atención ao campo visual —“que se ve e como se ve desde distintos puntos”—, este recoñecido profesional explica que “nunca fago proxectos ostentosos, senón que xogo coa naturalidade dos elementos e coa súa combinación”, e asegura ser “un obseso da funcionalidade e do aproveitamento de metros, de coidar moito as circulacións e da comodidade”.

Recompilar datos e entender as necesidades e o estilo de vida do cliente ou as pretensións do seu negocio é o punto de partida dun traballo que o apaixona. “Hai que estudar a viabilidade do proxecto e ver cal é a mellor opción”, di. “Un fogar é máis persoal e os seus requisitos e obxectivos están máis claros, polo que é máis importante a súa habitabilidade e aproveitar espazos ca ter un deseño rechamante. De feito, é mellor ser comedido, coidar a luz, e que sexa acolledor e non canse”, mentres que os locais “se apuntan máis ás novas tendencias e prima a confianza e a resolución de problemas, porque neste momento as normativas son terribles e o cliente búscanos para achegar solucións técnicas e para coordinar os traballos de obra”.

Fotografías: Sue Rainbow

Texto: Ana Iglesias

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here