Compostelán establecido en Madrid, Antonio Curros asegura que sempre sentiu paixón pola música, desde que ten uso de razón,”ás veces é case obsesivo”. Por ela trasladouse a Madrid, hai 15 anos, onde comezou a súa andaina compaxinando a universidade cun traballo como técnico nun estudo de dobraxe para poder pagar unhas clases de canto. O resultado non podía ser mellor. Curtido en musicais como Forever King of Pop, Sister Act, The Hole ou O Rei León, onde lle deu vida durante anos a Timón, Antonio pasou por varias series de televisión e prepara o seu segundo disco coa súa banda de rock Ciclocéano.

Como comeza a túa traxectoria artística?

Segundo a miña nai, xa de bebé quedaba abraiado cada vez que aparecía alguén cantando na tele ou soaba algunha canción e con 6 anos pedín que me apuntasen a clases de piano. Como ninguén na casa tocaba ningún instrumento, creron que sería un capricho do momento, pero despois de insistirlles acabaron facéndoo e coido que a estas alturas xa se deron conta de que non era un simple capricho (jajaja). Esa paixón pola música foi precisamente o que me levou hai 15 anos a Madrid, onde vivo desde entón. Por pura casualidade, durante unha mostra na escola de canto, unha muller oíume cantar e ofreceume facer unha proba para un espectáculo musical que estaba de xira nese momento. Presenteime e déronme un papel, o que cambiaría a miña vida. Ese espectáculo era Forever King Of Pop, unha homenaxe a Michael Jackson, co que estiven de xira durante 3 anos por España, Francia, Polonia, República Checa, Porto Rico… Despois virían outros como The Hole, Sister Act ou O Rei León.

Que recordos gardas de Forever King of Pop?

Para min foi a miña grande escola. Aínda ás veces penso no incriblemente afortunado que fun cando me escolleron porque non tiña ningunha experiencia en espectáculos de gran formato. E, claro, o salto que dei profesional e artisticamente falando foi brutal. Lémbroo como unha etapa incrible. Estar por primeira vez de xira en teatros e recintos tan grandes era algo impensable ata entón para min, o público saía encantado do espectáculo, cantaba cancións de Michael Jackson… Soa a tópico, pero realmente estaba a vivir un soño.

Que significou para ti The Hole?

Sempre gocei de todos os espectáculos nos que estiven. E dígoo totalmente en serio! The Hole era moi divertido, tanto para ver como para facer. O mellor era a interacción tan directa co público, que en teatro por exemplo non se adoita ter. Actuar nunha carpa de circo ten unha maxia especial, pero tamén che digo que segundo en que época do ano pásase demasiado frío entre bambolinas…

E Sister Act?

Xa tiña un formato clásico de teatro musical. Encantábame o meu personaxe porque era parte do punto cómico da obra e facer rir á xente sobre un escenario é das mellores sensacións que existen. Ademais, foi a primeira vez que estiven no proceso de montaxe dunha obra, é dicir, desde o principio, algo que tamén gocei moitísimo.

Como chegas ao Rei León?

Cheguei a través dun proceso de audicións, que aínda que adoita ser o habitual neste tipo de espectáculos, neste en concreto foi máis duro que na maioría, a verdade. Tiven que pasar varias probas de canto, danza e interpretación, ata chegar a un selección final diante dos directivos de Disney dos Estados Unidos; e logo, claro, gustarlles a eles! Para que te fagas unha idea, a min levoume un mes e medio completar todas as fases da audición.

Feliz co teu personaxe?

Timón é un auténtico caramelo para un actor. É un personaxe que xa ten gañado ao público antes de saír a escena, o cal é xenial, aínda que leva tamén unha responsabilidade porque se crean moitas expectativas que tes que ser capaz de cumprir, e iso faite estar alerta cada noite. Eu, despois de máis de 2000 funcións facéndoo, seguía atopando detalles do personaxe para enriquecelo.

A caracterización era incrible…

Para a súa maquillaxe tárdanse uns 40 minutos, e non é o máis complexo. Hai outros personaxes que requiren algo máis dunha hora.

Estreouse en 2011 na Gran Vía madrileña e superou os 4 millóns de espectadores. Cal é a clave do seu éxito?

Creo que o éxito do espectáculo é un cómputo de varias cousas; a historia é universal, poden entendela e gozala tanto nenos coma adultos; a música e as cancións con esa influencia de ritmos africanos son incribles e o traballo visual de vestiario, maquillaxe e luces é impresionante.

Estar tanto tempo nel, fixo que pensases no risco de perder outros papeis?

Nunca sentín que perdese oportunidades estando nese espectáculo. Tanto Disney como a produtora en España saben que o ritmo que hai de funcións (entre 8 e 9 á semana os 12 meses do ano) pode chegar a resultar esgotador, así que dan bastantes facilidades para que os artistas poidan compaxinar o seu traballo no musical con algunha outra actividade, como rodaxes, clases ou concertos. Sempre que o teu corpo o aguante, claro! (jejeje).

Tamén pasaches por algunhas series de televisión. Como foi a experiencia? Apetéceche facer máis cousas nese medio?

A verdade é que me encanta rodar para televisión. É moi diferente ao teatro, no sentido que as escenas as repites ata que quedan ben gravadas e nunca máis as volves facer, así que é máis difícil caer na rutina e sabes que cada día é completamente distinto. A rodaxe para Cuéntame, por exemplo, foi das mellores experiencias profesionais que tiven ata agora, paseimo incrible. De feito, a miña intención nestes momentos é enfocar a miña carreira cara a ese medio. E por suposto encantaríame rodar en Galicia!

Fálanos de Ciclocéano, a túa banda de rock.

Desde que tiña 11 anos quixen ter un grupo co que facer a miña propia música, gravar discos e dar concertos. Estiven en varias formacións, pero non foi ata 2017 que montei Ciclocéano, que ata agora é o meu proxecto máis persoal e especial. Para saber que estilo facemos, o mellor é que a xente escoite o disco, que está dispoñible en Spotify, iTunes ect. Temos un álbum, Líneas de meta, que saíu a finais de 2018 e que presentamos por varias cidades de España, incluída a sala Capitol de Santiago, nun concerto ao que puideron asistir practicamente todos os meus amigos e a miña familia, e do que ademais sacamos un vídeo en directo que se pode ver na nosa canle de Youtube.

En que estás a traballar agora e cales son os teus proxectos máis inmediatos?

Como o mundo da cultura está a sufrir unha crise maior que ningún outro sector, tento sacar proxectos como poida, aínda que non dean beneficio económico. Actualmente, estou a preparar un segundo disco con Ciclocéano. Tamén unha obra de microteatro independente que esperamos estrear dentro de moi pouco, un proxecto de teatro inclusivo con persoas con síndrome de Down e, sobre todo, estou aproveitando para tomar clases e seguir formándome.

Como levas vivir fóra de Santiago? Bótalo de menos?

O único que non boto de menos de Santiago é a choiva e a humidade (jejeje), pero todo o demais moito. Cando estou alí tento ver a maior cantidade de amigos e amigas que podo e estar coa miña familia. Teño dúas sobriñas pequenas ás que adoro e intento pasar con elas o maior tempo posible para que non se esquezan de que teñen un tío en Madrid. Tamén aproveito para comer comida da miña nai, por suposto! E, entre as cousas que máis me gusta facer, simplemente pasear pola zona vella, que sempre me dá a sensación de que non pasou o tempo.

Elixe as canciones perfectas para… 

Bailar nunha discoteca Michael Jackson, por suposto, por exemplo “Working day and night” 

Cantar nun karaokeCalquera canción charramangueira, tipo “Vivir así es morir de amor”, de Camilo Sesto.

Rumorearlle ao oído á túa parella – “Ojalá” de Silvio Rodríguez 

Cantar na ducha – “Somebody to love” (o calquera outra de Queen.) 

Poñer nada máis soe o espertador – “Rock and Roll” de Led Zeppellin 

Escoitar un día de choiva no sofá – “Black” de Pearl Jam 

Cantar tras a cea de Noiteboa en familia – ““Walk of life”, de Dire Straits (os meus pais son moi fans).

A primeira que che gustaría escoitar tras as badaladas para dar a benvida ao novo ano – “Decidí”, de Extremoduro (por algunha estraña razón faime lembrar o Nadal).