Comezou a tocar fai case vinte anos nun pequeno local do centro histórico compostelán ante un puñado de melómanos. Hoxe enche o WiZink Center madrileño, dá concertos alén do charco e non hai artista que non queira compartir escenario e disco con el. É o ferrolán Andrés Suárez, un músico ao que lle segue gustando “cantar a uns centímetros da xente”

-En que momento se atopa Andrés Suárez? 

Estou encerrado no estudo, preparando o que será o próximo disco. E como son intenso, direiche que será o mellor, que é algo que sempre direi do último, seguro, porque ten que ser así; cada traballo ten que mellorar ao anterior. 

 

-E para cando na rúa?

Espero que a comezos de 2020. Despois de centos de concertos, de viaxar por sete países, cruzar o charco… tiña que parar, porque un necesita tamén descansar a voz e a cabeza. Suceden cousas que hai que dixerir e asimilar, e a min chegoume ese momento. E tiven que aprender a facelo, porque non sabía estar quieto e dábame ansiedade estar na casa sen máis. Pero foi a mellor decisión que tomei. Estiven lendo, paseando, pensando, nutríndome… e fun facendo un disco con calma e con moito mimo. Agora teño ganas de sacalo, de facer promoción e xiras, pero de facelo ben.

 

-E no medio de todo isto, concertos en pequeno formato e entre amigos. Como foi o ‘Acustiquísimos’ de Momentos Alhambra en Santiago?

Foi volver a casa. Encantoume cando mo propuxeron porque son concertos moi pequenos, especiais e elegantes. E facelo en Santiago é facelo ante un público que me escoitaba fai dez ou quince anos en locais como o Fonte Sequelo, o Momo, o Tramoia ou o Nacional VI. Gústame moito cantar a centímetros da xente.

 

-Para un cantautor, mellor en pequeno formato ou ante miles de persoas?

Tocar para miles en grandes aforos é a suma de para uns poucos nos bares. Esquecerme diso sería o peor, se non lembrase o que significou para min a oportunidade que me deron Jose e Carmen no Fonte Sequelo ou Julián no Liberdade 8 sería un desagradecido, aínda que actuar ante 12.000 persoas no WiZink Center sexa algo que obviamente me levarei á tumba.

 

-Que hai daquel cantautor ao de agora?

Eu sempre digo que hai que cantar moito para dous para chegar a facelo para douscentos, e valoro moito o éxito de agora porque coñezo ben o fracaso de non cantar para ninguén. Dezaoito anos despois sigo vivindo da música e pago con ela as miñas facturas, e sería un necio se non o apreciase. É verdade que agora che quere moita xente e sáenche moitos curmáns, pero eu sigo tendo presente ás persoas que apostaban por min naquela época e teño a mesma relación con Miguel  do Náutico, que programaba a miña actuación cando eran uns poucos os que viñan verme, que agora cando as entradas esgótanse en dez minutos, e como con el con outros moitos.

-Como lembra a súa primeira etapa de canatautor en Santiago?

Vivín alí durante oito anos, e tocaba todas as noites. Facíame un circuíto polos locais de luns a xoves, e a fin de semana ía coa orquestra. Foi unha etapa marabillosa porque Santiago era unha cidade divertida, de explosión cultural, de inquietudes, repleta de arte. Así que espero que os políticos deixen de castigar a cultura no canto de apoiala e axuden aos locais que queren facer cousas poñerllo fácil.

 

-Acabas de facer colaboracións con Guadi Galego, Sabela de OT, Ainoa Buitrago… Que che achegan?

Facer colaboracións é necesario e  é o que tiña que pasar. A música non é unha competición, é unión, e cando te xuntas con alguén a cantar, a compoñer, a escribir, aprendes moito e suceden cousas marabillosas. A competencia só vena os empresarios.

 

-A tí tamén che axudaron outros artistas.

Eu recordo a Javier Ruibal, a Tontxu e a tantos outros que cando eu empezaba cedíanme o seu escenario para cantar. Se eu non axudo agora co que me axudaron a min, sería un desagradecido.

 

-Tamén estiveches no cartel da homenaxe a Enrique Urquijo. Que supuxo para tí?

É render homenaxe a un mestre, e iso é en grao sumo fermoso que hai. Enrique era un xenio superlativo e o meu deber sonoro é que as xeracións seguintes sáibano. Creo que a industria musical non deixou espazo para os cantautores, só as radios, e se un rapaz de agora non coñece a Aute ou a Silvio, é que algo se fixo mal e todos somos responsables.

 

-Como che gustaría que te lembrasen?

Deixando o mellor legado posible de cancións. Eu estarei de paso, pero a miña obra non. 

 

MOI PERSOAL

“Herdei do meu pai o gusto por escoitar todo tipo de estilos musicais. Cando ía con el no coche podía estar a soar Extremoduro, daquela Radio Futura e despois Beethoven”.

“O meu libro de cabeceira é A Balada do Cárcere de Reading, de Óscar Wilde”.

“Cando volvo á casa familiar, a miña nai prepárame tortilla de patacas”.

“Volvería unha e outra vez a París, pero para vivir, quedo co meu refuxio de Pantín”.

“O meu momento de maior feliz é calquera dos que vivín sobre un escenario”.