Contemplar a catedral polas súas catro fachadas e ver o voo do botafumeiro cruzando no interior as súas naves, percorrer os postos da praza de abastos, pasear polos xardíns da alameda tras saudar as Marías, vaguear polo casco antigo, ver as torres inclinadas da colexiata do Sar ou gozar da mellor gastronomía galega nos restaurantes e bares, son actividades de obrigado cumprimento para calquera visitante que chegue a Compostela. E cómpre lembrar que este ano 2021 e o 2022 ofrecen un atractivo extra, atravesar a Porta Santa para conseguir a indulxencia plenaria.

Pero, ademais de todo iso, a cidade xacobea está chea de curiosidades que merece a pena coñecer.

Contemplar a catedral á noitiña tombados desde o quilómetro cero.

Nada para vivir un momento máxico como situarse no centro da praza do Obradoiro á caída do sol e tombarse a admirar a fachada principal da catedral xunto a unha placa granítica considerada polos peregrinos como o quilómetro cero.

Ver a cidade desde as cubertas da basílica xacobea.  

Contemplar a cidade a 300 metros de altitude, uns 30 sobre o chan do Obradoiro, desde os tellados da basílica xacobea, é unha experiencia inesquecible. Accédese a eles a través das escaleiras da torre da Carraca e permite ter unha panorámica de 360 graos sobre Compostela (reservas en catedraldesantiago.es).

A foto máis artística en San Domingos de Bonaval.

Non hai ningún visitante que non se renda á beleza da escaleira máis instragrameable da cidade, a do antigo convento de San Domingos de Bonaval, hoxe Museo do Pobo Galego. É unha escaleira de caracol de triplo hélice con tres ramplas distintas no mesmo oco, o que permite que tres persoas poidan subir e baixar por elas sen cruzarse en ningún momento.

Os misterios da noite.

Dar un paseo nocturno arredor da catedral permitirá escoitar as badaladas que dá a Berenguela á medianoite, ás veces 13, ou descubrir a sombra dunha columna proxectada sobre a fachada da Quintana en forma de peregrina pantasma. 

Facer o París-Dakar.

A ruta de viños máis famosa do Santiago estudantil mantense ano tras ano. Trátase de percorrer os 200 metros que separan os bares París (na rúa Bautizados, 11) e Dákar (Franco, 13) tomando viños na trintena de locais que hai na rúa. 

A senda mitolóxica do monte Viso.

Accédese a ela desde a Cidade da Cultura, a través dunha senda mitolóxica poboada por representacións de seres fabulosos da tradición oral galega. Desde o seu cume, pode verse a cidade e os montes e vales que a rodean.

O petisco.

 Ademais dos mariscos, o polbo, a orella (orella de porco con pemento picante), os callos, os pementos de Padrón ou a torta de Santiago, a gastronomía do petisco levará os visitantes a coñecer outras especialidades, como os tigres rabiosos (moi picantes) ou o crocodilo (carne de porco con patacas fritas)