A Factoría de Androides naceu oficialmente en 2015 da man do Gran Sátrapa, creador destes pequenos robots realizados de forma artesanal con materiais de reciclaxe nun pequeno taller de Compostela.
“Comezaron a existir un pouco de broma, abriron a súa propia conta en Facebook e mesmo fixeron campaña electoral e elixiron candidato”, di, sen esquecer esa carga de crítica e compromiso social que hai detrás de cada peza feita con transformadores, electrodomésticos ou latas de conserva, e que conta cada unha con nome propio, data de nacemento e biografía. Todo un universo elaborado a base de chatarra, imaxinación e moitas horas de traballo, e que tivo o seu punto de inflexión cando, tras instalarse de forma indefinida na librería do CGAC, un dos androides, Mariano, foi elixido como mascota da Mostra de Artes Fantásticas de Santander.

“Foi un éxito incrible”, lembra o seu creador, que xa as paseou por feiras e salas, e cuxa realización compaxina coa pintura. “Comecei a pintar como terapia para evadirme nunha etapa de crise persoal, e foron precisamente aquelas obras as que logo deron pé aos robots”, explica Sátrapa, que este verán expuxo unha colección de máis de corenta cadros na galería Cruzes Canhoto de Porto, “e vendeu practicamente todo en dúas semanas”.
En pleno vórtice creativo no seu pequeno estudo, os seus persoalísimos androides (482 ata a data) e naves espaciais xa se están deixando ver en países coma Francia, Estados Unidos ou Brasil. A invasión non fixo máis que comezar.

Fotografías: Iria Martínez

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here