En plena celebración das súas dúas décadas de existencia, o hotel Oca Porta do Camiño estrea nova imaxe e nova dirección. Así, tras as obras de reforma nos cuartos, corredores, recepción, piano bar e xardín, o emblemático establecemento hostaleiro, situado no barrio de San Lázaro de Santiago, loce na actualidade un aspecto moderno e sofisticado.

Convertido en referencia, tanto pola súa localización estratéxica como entrada do Camiño como por aloxar numerosos personaxes soados, este hotel de catro estrelas superior ofrece “luxo e comodidades nun espazo moderno” e distínguese polo seu “impecable servizo, con persoal de alto nivel profesional”. Así o afirma Lalo Crespo, director do establecemento desde o pasado mes de setembro, que se empeñou en “abrilo aínda máis á cidade con todo tipo de eventos e para todos os públicos”, comezando polos actos conmemorativos do vinte aniversario, que se celebrarán ao longo dos vindeiros meses.

Deste xeito, ademais de diversas actividades lúdicas e culturais, haberá “acordos de peso para colaborar co respecto ao medio ambiente”. Terá especial protagonismo a gastronomía, “con xornadas nas que se presentarán pratos con historia, divertidos e para clientes que buscan opcións moi concretas, como a comida vexetariana” e “unha gran festa con todos os nosos colaboradores”.

“Esperamos que as nosas propostas teñan unha grande acollida e que poidamos celebrar ao grande os nosos vinte anos de vida”, conclúe Crespo, que conta cunha traxectoria de máis de 16 anos na cadea hostaleira galega.

Ten ximnasio, piscina exterior de verán, amplas zonas de reunión, xardín para eventos ao aire libre, salóns preparados para todo tipo de eventos e unha excelente gastronomía, que se reparte no gastro bar Golden Goose e no restaurante Berenguela, que se adapta ás diferentes necesidades dos clientes, desde menú do día, ata almorzos de traballo, pasando por unha carta ben estruturada e con pratos pensados para os padais máis esixentes.

Please follow and like us:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *