Traballaba de relacións públicas e modelo ocasional en Marbella cando os seus amigos lle falaron das moitas oportunidades que ofrecía Dubai para el, un mozo de 27 anos, formado en Administración de Empresas e Márketing, amante do ximnasio e nutricionista deportivo, que falaba cinco idiomas. Ao compostelán Diego Carrete a experiencia non podía saírlle mellor e, tras converterse nun dos adestradores persoais máis cotizados da cidade emirato, creou hai un ano unha plataforma de adestramento en liña, na que pon en práctica o seu propio método fitness, e cuxo obxectivo é “alcanzar uns resultados perdurables no tempo e que non supoñan renunciar a vivir”.

Un éxito que se traduce en oito empregados, máis de cen clientes, “e subindo ambas as cifras”, explica Diego, que en 2017 foi portada da edición de Middle East de Men’s Health, á que lle seguiron as de Mens Fitness de Turquía ou Sudáfrica, “grazas á perseveranza, a dar contido de calidade e a ser moi constante” e para as que se prepara con meses “de dieta e adestramento”.

Rozando os 100.000 seguidores en Instagram (@diego.carrete), onde se presenta como #1 Fat Loss Expert For Dads (Experto en perda de graxa para papás), Diego lembra a súa difícil adolescencia chea de complexos por ser “un rapaz moi alto e moi fraco, co que se metían moito”, e o gran cambio que experimentou ao empezar a adestrar.

Custa velo agora intercambiando confidencias e bromas coa súa muller, Vera, e xogando coa súa filla, Iris, e imaxinar que houbese un tempo no que vivía sometido á tiranía do culto ao corpo e obsesionado polo deporte e a dieta, ata o punto de que lle pasase factura e lle deixase secuelas. “Estaba obsesionado, adestraba sen descanso e con malas técnicas, e mesmo cheguei a ter unha desorde alimentaria, con apenas un 5 % de graxa corporal, e moita ansiedade”, o que se traduciu en moitos problemas físicos e psicolóxicos. “Hai consecuencias cando se fan mal as cousas”, afirma Diego coa lección aprendida, o que o levou a basear o seu método en educar “e ofrecer fórmulas que non sexan restritivas, a combinar nutrición e exercicio saudables e que encaixen na forma de vida de cadaquén e a non tomar medidas drásticas “.

A súa mellor etapa comezou, precisamente, cando deixou atrás esa etapa de erros e empezou a adestrar doutra maneira, a mesma que ensina o seu método, que busca “axustar o estilo de vida dos meus clientes/alumnos a parámetros saudables”.

Con consellos e adestramentos personalizados, que se gravan semanalmente para que cada alumno o faga cando dispoña de tempo, xestionando os seus propios horarios e co control e feedback correspondentes do equipo, Diego comenta que a maioría que chegan a el buscan “perder peso, estar máis definidos e atoparse mellor”, aínda que con matices, “dependendo da idade”, e que o seu forte son os pais de máis de 30 anos, cos que sente máis identificado. “O método ten en conta o estilo de vida, o estrés, a relación coa comida… porque nós propoñemos un cambio firme e a longo prazo”, insiste. “Ensinamos para que logo cada un sexa autosuficiente e non dependa de nós”.

Porque para el trátase de conseguir “que cada un obteña a mellor versión de si mesmo e iso conséguese levando un estilo de vida saudable asentado sobre o exercicio ben planificado, unha alimentación equilibrada e un descanso reparador”.

Feliz coa súa muller e co seu bebé en Dubai, onde se atopan “moi cómodos e moi contentos”, Diego Carrete continua viaxando a Galicia sempre que pode para ver a familia, aínda que confesa que na luxosa cidade árabe viven “moi tranquilos, preto da praia e cunha gran calidade de vida. Encántanos”.

Texto: Ana Iglesias // Fotos: Bruno Rodríguez // Vídeo: Sabela Freire // Perruquería: Jose Iglesias // Maquillaxe: Marta Arnoso.

Agradecementos: Restaurante Paz Nogueira (Santiago de Compostela)