María Casares e Laxeiro serán dous dos grandes protagonistas da programación cultural en Galicia en 2022. Coincidindo co centenario do nacemento da actriz coruñesa e o 25 aniversario do pasamento do pintor lalinense, a Xunta de Galicia, xunto a numerosas entidades, impulsa numerosas propostas que non só se verán en Galicia, senón que percorrerán outras cidades españolas e europeas como Madrid, Barcelona e París.
No centenario de María Casares un dos grandes proxectos será froito da colaboración de Goberno galego coa Embaixada de España en París e o Instituto Cervantes. Incluirá unha mesa redonda, unha lectura escénica de fragmentos da actriz e unha mostra fotográfica no Instituto Cervantes de Marceau e Quentin Bauchart (Francia).
En Galicia, a programación porá o foco na escena teatral, con producións propias, coproducións e colaboracións con entidades galegas, nacionais e internacionais. Celebrarase unha edición especial dos Premios María Casares e programarase Continente María, unha coprodución entre o Centro Dramático Galego e Ainé Produccións. Tamén se subirá a escea o espectáculo Política sentimental. O encontro necesario entre María Casares e Albert Camus, do autor Javier Villán. Ademais, o festival de Inverno de teatro, danza e arte en acción da Cidade da Cultura, Escenas do Cambio, dedicará a súa oitava edición á artista e presentarase alí unha peza de nova creación inspirada nela e interpretada por mulleres.
No eido audiovisual, a Filmoteca de Galicia incluirá un ciclo de María Casares e as salas de cine proxectarán diferentes documentais. Ademais, en colaboración coa Biblioteca Nacional de España realizarase en Madrid un ciclo de conferencias e charlas para afondar na súa proxección internacional e na Coruña reunirase a personalidades do mundo da cultura e das artes galegas e nacionais que coñeceron á artista. En canto ao campo editorial, Edicións Xerais e a Xunta de Galicia editarán unha crónica moi detallada das diferentes etapas da icónica intérprete.
Esta programación será paralela á prevista para conmemorar o Ano Laxeiro, que estará ilustrado cunha imaxe conmemorativa elaborada polo artista lalinense Antón Lamazares. As propostas culturais permitirán indagar naqueles aspectos da obra de Laxeiro que son menos frecuentes e nos permitirá inaugurar novas investigacións sobre a súa produción.
Co gallo da homenaxe da Real Academia Galega de Belas Artes no día das Artes Galegas na súa honra unha das grandes apostas será a exposición itinerante Foi un home. Laxeiro en América (Bos Aires, 1951-1970) comisariada por Carlos Bernárdez e impulsada pola Xunta de Galicia e a Real Academia Galega de Belas Artes. Poderá verse en Lalín, Santiago de Compostela, Madrid e París entre os meses de abril e decembro coa colaboración da Real Academia de Belas Artes de San Fernando e a Embaixada de España en Francia. Baixo o título dunha destacada obra de Laxeiro dos anos 70, a exposición presentará unha nova ollada sobre a súa obra de madurez na súa estadía na arxentina.
A esta mostra súmanse diferentes actividades como a celebración dun gran simposio en Santiago ou a produción de material divulgativo e didáctico que estará dispoñible para os centros educativos galegos. Tamén haberá propostas no eido audiovisual e a produción dunha peza musical específica.